Club de Montaña “O Carroucho”

« Voltar

El Tiempo en España en Parada de Sil

Ribeira Sacra

Última actualización
10/02/2010

INFORMACIÓN DA ZONA

A Ribeira Sacra comprende as terras bañadas polo Sil e, en menor medida, polo Miño, na zona do interior de Galicia na que se unen os dous ríos. Nos últimos quilómetros antes de desembocar no Miño á altura dos Peares, o Sil flúe na fronteira entre as provincias de Lugo e Ourense ao longo dun profundo canón, creando deste xeito unha paisaxe impresionante e pouco común, sinal de identidade deste territorio.

Nestas paraxes, en moitos puntos bucólicas, noutras agrestes, establecéronse nos comezos do cristianismo monxes e eremitas para practicar a vida ascética. Estes asentamentos deron lugar, co paso do tempo, a florecentes mosteiros que irradiaron arte, cultura e progreso material a toda Galicia. De aí o nome Ribeira Sacra, do que existe constancia escrita desde o século XII. O mosteiro máis importante é o de Santo Estevo de Ribas de Sil, un centro de poder non só relixioso, xa que o seu abade foi durante séculos o encargado de impartir xustiza e nomear escribáns e oficiais de aduana.

Como herdanza dos últimos 1.500 anos, esta parte de Galicia conta cun valioso patrimonio, no que non faltan castelos, igrexas, pazos ou pontes. A súa riqueza histórica complétase con restos arqueolóxicos pertencentes á Idade do Bronce e á Idade do Ferro, así como outros que dan fe da presenza das lexións neste punto do extremo occidental do Imperio Romano.

O relevo da Ribeira Sacra componse de altiplanos e montes suavizados pola erosión, que deixan paso, de forma abrupta, ao canal do Sil. O resultado é un canón, formado hai millóns de anos, que nalgúns puntos acada unha profundidade de 500 m. Debido á construción de varios encoros, o río é navegable nun tramo de 40 Km. Os cruceiros en catamarán, un dos atractivos turísticos da zona, permiten gozar dos recunchos máis recollidos, inaccesibles doutro xeito pola dificultade do terreo. Nas alturas do canón abundan os miradoiros naturais pendurados sobre o río, atalaias ideais para a contemplación dunha paisaxe de inusual beleza.

A vexetación da ribeira componse de carballos, castiñeiros, bidueiros e ameneiros, ademais de xestas, toxos e piornos. O paso das estacións transforma as cores da terra ao ritmo que marca a Natureza. Entre os cultivos destacan os viñedos, dispostos en bancais ou socalcos, ás veces acompañados de cipreses. Os viños da comarca son o complemento perfecto para unha apreciada gastronomía.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Monforte, no Hotel Puente Romano, durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación.

Haberá unha parada para toma-lo almorzo en Parada de Sil e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 55 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 100 € para os socios e 140 € para os non socios, que se aboarán nun só ingreso na conta do club.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios terán preferencia na asignación de prazas se fan o ingreso antes do 7 de Marzo.

A saída farémola o venres e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
Fogar de Santa Margarita 7:30 h
San Pedro de Mezonzo 7:40 h
Parada bus Gaiteira (enfrente da Citroën) 7:45 h
Parada bus Os Castros (enfrente Igrexa do Carme) 7:50 h
O Burgo (enfrente Servizos Múltiples) 8:00 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

19/03/2010

1º DIA (VEN)

 

CHEGADA SOBRE AS 10:45
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 11:15
Ruta: CIRCULAR PARADA DE SIL
CHEGADA AO HOTEL ÁS 20:00
CEA ÁS 21:30

20/03/2010

2º DIA (SAB)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: BIDUEIRAL DE MONTEDERRAMO
CHEGADA AO HOTEL ÁS 21:00
CEA ÁS 22:00

21/03/2010

3º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 09:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:45
Ruta: CAMIÑO REAL - SAN PEDRO DE ROCAS
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 18:00
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 21:00

CIRCULAR PARADA DE SIL

Partiremos de Parada de Sil ata o miradoiro dos Balcóns de Madrid ou Os Torgas, onde veremos en toda a súa inmensidade os canóns do Sil. Dende alí iremos cara ao Mosteiro de Santa Cristina, deixando ao encaixonado Sil á nosa dereita, por pistas e camiños para, no lugar de Portela, adentrarnos nuns soutos que nos acompañarán ata o Mosteiro de Santa Cristina. Dende aquí retomaremos parte do camiño para dirixirnos de novo por fragas e soutos a Parada de Sil onde xantaremos e teremos tempo de ver a súa igrexa. Aquí comeza a segunda parte da ruta, que nos levará primeiro a Fonde Vila para descender casi ata o Sil para despois, entre viñedos e máis tarde fragas e souto, subir de novo a Parada.

BIDUEIRAL DE MONTEDERRAMO

Partiremos de Fontedoso por pistas que nos levarán a unha encrucillada de camiños en Campo do Casar, dende aquí descenderemos para ir adentrándonos no bidueiral de Montederramo e zonas de coníferas. Nun momento dado pódense separar os grupos dirixíndose, os que non vaian subir ao Pico de San Mamede á esquerda polo bidueiral, e os outros á dereita buscando a devasa que nunha dura subida levaranos ao Pico de San Mamede para dende aquí baixar en dirección ao pluviómetro onde chegará o outro grupo. Baixaremos entre carballos zigzageando en dirección ao pobo abandonado de Teixedo e dende aquí, paralelos ao regato da Corga de Torneiros, ata A Ferreiría onde virando á dereita colleremos a pista que nos levará á cola do embalse de Chandrexa de Queixa onde nos espera o autobús, deixando a man dereita o río Queixa.

CAMIÑO REAL - SAN PEDRO DE ROCAS

Partiremos do Mosteiro de San Pedro de Rocas descendendo por camiños entre fragas. A ruta discorre por unha verea que conserva os seus muros laterais e o empedrado onde poden verse as rodeiras dos carros que a transitaban antigamente. Este “Camiño Real” constituía un eixe estratéxico como vía de comunicación cara ás terras de Aguiar e Ourense. Pasaremos polo peto de ánimas de Meiroá, dirixíndonos dende aquí cara ás piscinas de Esgos e Quinta do Monte. Antes de chegar de novo ao mosteiro atoparemos un bosque de coníferas que ascende cara aos picos pedregosos que lle dan nome ao Mosteiro, orixinados pola actuación dos axentes xeolóxicos sobre este lugar.

« Voltar