| Última actualización |
| 08/04/2010 |
Os Picos de Europa constitúen unha das formacións montañosas máis sorpren-dentes de Europa, ao alcanzar altitudes de case 3.000 m. a moi pouca distancia da costa. Comprenden as provincias de Asturias, Cantabria e León, e a declaración do Parque Nacional dos Picos de Europa tivo lugar en maio de 1995.
Os Picos contan cunha importante oferta turística: o patrimonio monumental e popular, con igrexas románicas, o turismo activo, que brinda a posibilidade de gozar de múltiples experiencias como o descenso do Sella en canoa, o sendeirismo, o trekking, a escalada, as rutas en 4x4, quad ou a cabalo, a espeleoloxía, o descenso de canóns, etc. Covas con arte rupestre, unha excelente gastronomía, especialmente, a gran variedade de queixos con nomes moi coñecidos como o Cabrales, e verdadeiras xoias como o Gamonéu. E para beber, inevitablemente, sidra.
Comprenden tres macizos diferenciados: o occidental ou Cornión, con cumios tan importantes como a Peña Santa de Castilla, a Torre Santa María de Enol, etc. Unha parte importante das rutas saen dende os famosos e emblemáticos Lagos de Covadonga, que posiblemente visitaremos se o tempo o permite para ascender ao refuxio de Vega de Ario, dende onde poderemos gozar dunha das máis fermosas vistas do macizo central. Neste macizo temos o santuario da patroa de Asturias, lugar lendario da batalla dos astures contra os árabes que deu lugar ao reino de Asturias, primeiro dos reinos cristiáns da península.
O macizo central ou Urrieles, ao que se pode ascender dende Potes (que xa visitamos) ou dende o concello de Cabrales, ao que probablemente acudamos esta vez. Os cumios máis destacados son o Torrecerredo (con 2.648 m., é o cumio máis alto dos Picos de Europa), Cabrones, Urriellu, Llambrión, etc. sempre que as condicións climáticas o permitan poderemos visitar a Majada de Ondón, un dos mellores miradoiros de Picos, para quen se anime ás senllas de montaña ou a ruta do Cares para os máis tranquilos. Tamén visitaremos Sotres con posibilidade de baixar ata Poncebos.
O último macizo e menos visitado é o oriental ou macizo de Ándara. Os cumios máis destacados son a Morra de Lechugales e o San Carlos, con moi boas condicións para facer esquí de travesía ou raquetas en inverno.
Aloxarémonos en Poo de Cabrales, á beira de Arenas de Cabrales, no Hotel Principado de Europa, durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación.
Haberá unha parada para toma-lo almorzo en Ribadeo e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.
Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 55 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 125 € para os socios e 160 € para os non socios, que se aboarán nun só ingreso na conta do club antes do 13 de maio.
O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios terán preferencia na asignación de prazas se fan o ingreso antes do 2 de Maio.
A saída farémola o sábado e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:
|
|
15/05/2010 1º DIA (SAB) |
CHEGADA SOBRE AS 12:30 |
|
|
16/05/2010 2º DIA (DOM) |
ALMORZO ÁS 08:00 |
|
|
17/05/2010 3º DIA (LUN) |
ALMORZO ÁS 09:00 |
|

Ondón esta situado na vertical de Camarmeña e Poncebos, xusto na entrada do desfiladeiro do río Cares. É
un dos mellores miradoiros de Picos de Europa, a vista sobre o Picu de Urriellu é espectacular, pero tamén
temos en primeiro plano a zona de Bulnes, Pico Albo, Cabrones, Peña Santa... A vista é incrible, un lugar
para sentarse e deixar que a nosa vista e a nosa mente se empapen dunha paisaxe grandiosa, sobrecolledora,
belísima.
A Majada de Ondón esta composta dun conxunto de cabanas, a maioría en bo estado, no medio dunha pradaría
que parece flotar no aire colgada sobre os abismos do desfiladeiro do río Cares. O camiño está en bo estado
e non ten ningunha dificultade de seguir. A senda non ten perda, vai encaixada na canle que pouco a pouco se
vai abrindo ata chegar a unha pradaría colgada onde se encontra a Majada de Ondón. A única dificultade é a
pendente que en ningún momento se suaviza, dende Camarmeña son uns 900 m. de desnivel.
Se o tempo o permite pódese dende alí intentar a subida ao pico Cuetón.

Nos anos 20 a compañía Electra del Viesgo construíu unha senda a través do canón que formaba o río Cares,
o cal se franqueaba por diferentes pontes ao longo do camiño, para que os seus traballadores vixiasen a canle
de auga da central de Poncebos. Pero co tempo esta ruta converteuse nun reclamo turístico da zona e agora é
unha das máis percorridas de España pola súa facilidade e a súa beleza natural.
A coñecida tamén como a Garganta Divina ofrece aos seus camiñantes unhas imaxes privilexiadas. Durante o
traxecto pódense encontrar aciñeiras de pouca altura, pero con máis de tres séculos de vida. Polo camiño
discorre ao noso lado a canle que noutros tempos utilizaban os pastores para enviar mensaxes nunhas botellas.
Tamén pasaremos ao lado dos restos da ermida de San Julián de Culiembro ou por túneles que atravesan a montaña.
Ao longo do camiño xorde a singular beleza desta popular ruta cuxa verticalidade e agreste mirada se combina
cun reino zoolóxico e vexetal bañado polas frías correntes fluviais do soberano Cares. Unha ruta que non por
popular e postindustrial, perde o seu encanto anello e rural, natural e grandioso.

A ruta parte do lago de La Ercina a man esquerda, a senda está ben marcada e diríxese, bordeando
inicialmente o lago, á Majada de la Veguina ou da Ercina. O camiño vai subindo a través dunha curta canle chamada
a Cuenye e bordeando a Riega del Brazu ata a Majada das Bobias, unha preciosa pradaría con cabanas de
pastores os cales aínda manteñen a tradición de subir o gando coa retirada da neve. Un pouco máis adiante poderemos
facer un descanso á sombra das faias e coller auga da fonte.
Se seguimos de fronte veremos os sinais pintados de amarelo, que soben entre unhas penas e que en poucos minutos,
despois dun breve ascenso, dan vista á Majada de Redondiella, situada un pouco máis baixo. Un estreito camiño entre
rochas vai descendendo ata o Jou del Llaguiellu onde debemos de cruzar o regato para iniciar unha forte suba en
zigzag pola costa das Reblagas. No alto localízanse unhas camperas denominadas das Campizas e dos Bidueiros,
para remontar ascendendo ata o outeiro do Jito, dende alí descubriremos a impresionante vista do Macizo
Central e acharemos unha táboa de pedra onde están sinalizados todos os cumios. Desviándonos á esquerda, case en chairo,
e atravesando pequenos jous, prados verdes e rochas, chegamos ao refuxio de La Vega de Ario.

Comezamos a actividade partindo do pobo de Tielve, aquí colleremos a senda da costa o Xagueru que nos leva á
Majada de Valfrío. Xa aquí subiremos por unha senda marcada ao outeiro Obesón e dende aquí continuaremos por un
sendeiro arrimados ás Penas de Trescares ata chegar ao outeiro de Trescares ou Posadorio a 1250 m. de altitude,
cota máxima desta ruta. A ruta seguirá por enriba da Majada de Tordín, e xa en breve colleremos o sendeiro de
descenso polas pradarías da Cangona e os prados de Miñances. Xa neste punto colleremos un sendeiro que sae entre
as faias, esta é unha calzada romana empedrada, polo que se chove ou está mollado haberá que ter coidado cos
esvaróns.
Seguiremos pola Calzada Romana de Caoru ata chegar á Riega de Llamedo e cruzaremos pola presa do Vieco. Neste lugar
xa colleremos a estrada de Arenas para chegar ao noso destino e finalizar esta bonita travesía por Picos de Europa
en Arenas de Cabrales.