« Voltar

Tiempo Ponga

Ponga

Última actualización
24/04/2012

INFORMACIÓN DA ZONA

O Parque Natural de Ponga localízase no sector centro-oriental da Cordilleira Cantábrica, incluíndo a totalidade do territorio do concello de Ponga, entre o Parque Nacional de Picos de Europa e o Parque Natural de Redes. Limita ao norte con Parres e Piloña, ao sur con León, ao leste con Amieva e ao oeste con Campo Caso.

O acceso máis doado realízase dende Cangas de Onís, tomando a N-625 que se dirixe a Riaño. Esa vía percorre o extremo oriental do Parque, seguindo a canle do Sella polo abrupto desfiladeiro dos Beyos ata alcanzar o porto do Pontón e saír á meseta leonesa. Para visitar o corazón do parque, non obstante, debe tomar á dereita o desvío que, pola AS-261 e seguindo o río Ponga, conduce a San Juan de Beleño, a capital municipal.

O Parque Natural de Ponga constitúe un territorio de relevo complexo, con altitudes oscilantes entre os 300 m e os máis de 2.100 m de Pena Ten. Entre as súas aliñacións montañosas máis importantes destaca o sector da Cordilleira Cantábrica que forma o seu límite meridional e que constitúe a divisoria de augas entre as concas do Sella e do Douro, albergando picos tales como O Abedular (1.813 m), Les Pandes (1.879 m) e Pena Ten (2.142 m), entre outros. O Cordal de Ponga forma o seu límite occidental e inclúe cumios notables, tales como Maciéndome (1.899 m), Tiatordos (1.951 m), e Campigüeños (1.838 m) entre outros. Os ríos máis importantes do concello son o Sella, que atravesa a zona oriental do territorio para seguir o seu curso por Amieva, e o Ponga que percorre o concello de sur a norte. A maior parte destes vales fluviais son angostos e as súas abas presentan pendentes moi elevadas, sendo os casos máis espectaculares o Desfiladeiro do Ponga e o Desfiladeiro dos Beyos.

O Parque Natural de Ponga caracterízase por presentar un excelente grao de conservación. Proba diso é a elevada superficie que se encontra ocupada por bosques maduros, incluíndo diversos tipos de carballeira, bidueirais, freixais con pradairo, amieirais, pero sobre todo faiais. Tal é a importancia ecolóxica dos bosques que no seo do parque se encontra a Reserva Natural Parcial de Peloño, unha grande extensión continua de faias. Estas masas boscosas altérnanse con outras formacións como prados, pastos, piornais, breixeiras e toxais, consecuencia do uso ancestral do territorio, conferíndolle á paisaxe de Ponga unha singular beleza. Destaca tamén a presenza de plantacións de castaño, que son moi rechamantes pois se concentran na área central do parque, en torno ás localidades de Beleño, Abiegos e Taranes.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Vidosa, no Hotel Puente Vidosa, durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación.

Haberá unha parada para toma-lo almorzo e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 50 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 215€ para os socios e 250€ para os non socios, que se aboarán da seguinte forma:

  1. ingreso en conta de 115€ os socios, e 150€ os non socios, para apuntarse, antes do 14 de Maio.
  2. os 100€ restantes, pagaranse no autobús.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios terán preferencia na asignación de prazas se fan o ingreso antes do 5 de Maio.

A saída farémola na mañá do xoves e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
Fogar de Santa Margarita 07:00 h
San Pedro de Mezonzo 07:05 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:10 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:15 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 07:30 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

17/05/2012

1º DIA (XOV)

 

CHEGADA SOBRE AS 13:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 14:00
Ruta: PEÑA SALÓN - SENDA DO CARTEIRO
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:45
CEA ÁS 21:00

18/05/2012

2º DIA (VEN)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: COLLAU ZORRU - BOSQUE DE PELOÑO
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:00
CEA ÁS 21:00

19/05/2012

3º DIA (SAB)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: PORTO DE PANDERRUEDAS - PICO JARIO
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:30
CEA ÁS 21:00

20/05/2012

4º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:00
Ruta: PICO PIERZU
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 15:30
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 21:30

PEÑA SALÓN - SENDA DO CARTEIRO 

Sairemos do pobo de Viegu cara ao Outeiro Baseñu. Pasando por zonas de carballos e acivros. Dende o outeiro subiremos ao noso cumio de hoxe por unhas cómodas revoltas. As vistas sobre o resto de cumios de Ponga serán excelentes.

Baixaremos polo lado contrario cara ao espectacular desfiladeiro de Los Beyos e despois pasamos pola igrexa de Casielles e por Biamón, afrontaremos a empinada Senda do Carteiro que nos deixará no río Sella e practicamente no hotel.

Esta estreita senda era utilizada antigamente polo carteiro para atender a estes pobos colgados sobre o desfiladeiro.

COLLAU ZORRU - BOSQUE DE PELOÑO 

Dende o Outeiro Llomena iremos avanzando varios quilómetros por cómodos camiños que nos irán ascendendo cara aos pés do esvelto Pico Recuencu. A continuación, a través dun bosque e do Outeiro Pumerín, avistaremos o impresionante faial de Peloño, que é espazo protexido.

As nosas vistas ampliaranse dende o cume do Collau Zorru cara a todas direccións tendo aos nosos pés a zona de Ventaniella.

Descenderemos cara a Peloño, que cruzaremos en parte, e volveremos cara ao noso inicio por anchos camiños que nos permitirán camiñar coa cabeza alta e gozar das vistas, cara ao leste, do Macizo Occidental dos Picos de Europa.

PORTO DE PANDERRUEDAS - PICO JARIO 

Dende o Porto de Panderruedas dirixímonos ao Pico Jario. Antes, no miradoiro de Piedrashitas, teremos unhas privilexiadas vistas do Val de Valdeón e de parte dos Picos de Europa.

Dende o cumio do Jario dominaremos tamén a bisbarra de Ponga e a de Sajambre e teremos aos nosos pés as pradarías e bosques de Vegabaño.

A volta farémola por zonas de prados e cabanas e por un fermoso bosque que nos conducirá en suba de novo ao porto de inicio. Este último tramo era utilizado tradicionalmente para entrar na bisbarra de Valdeón.

PICO PIERZU 

Por unha cómoda pista aproximarémonos á zona de Excueño onde iniciaremos unha primeira subida cara a un outeiro, dende onde nos dirixiremos, por unha bonita crista, en continua pero accesible ascensión, ata o cumio de Picu Pierzu.

No camiño encontraremos unha zona de fermosas malladas. O cumio do Pierzu derrúbase centos de metros cara ao norte.

Baixo nós teremos diversos vales e pobos ponguetos e máis lonxe Cangas de Onis e con bo tempo a costa. Cara ao oeste impoñente o Tiatordos coa súa coñecida "copa".

« Voltar