« Voltar

Lucus a pé


Para apuntarse hai que chamar ao teléfono do Club, NON facer ingreso, COBRARASE NO BUS. Lembrade que a ruta é en domingo.
SITUACIÓN XEOGRÁFICA: Cidade de Lugo, Río Miño
DATA DA ACTIVIDADE: Domingo, 16 de Setembro de 2012
PREPARADA POR: Directiva
PREZO DA ACTIVIDADE: 10€ para os socios e 15€ para os non socios. Inclúe desprazamento en autobús e seguro de actividade
DATA TOPE PARA APUNTARSE: Venres, 14 de Setembro de 2012, antes das 15 horas
COMO CHEGAR: Dende o Burgo autoestrada A-6 ata chegar a Lugo

DATOS TÉCNICOS:

TIPO DE SENLLA: Camiños, corredoiras e sendeiros preto do río Miño
DIFICULTADE: Baixa — Baixa-Media — Media — Media-Alta — Alta
DURACIÓN: 5 horas
DISTANCIA LINEAL: 18,3 Km.
INTERESE DA RUTA: Cultural e paisaxística da cidade de Lugo
RECOMENDACIÓNS: Levar botas de sendeirismo e, de acordo co tempo, prendas de abrigo.
BREVE DESCRICIÓN: O I Encontro Sendeirista e Cultural "Lucus a pé" é un evento totalmente novidoso na cidade de Lugo cuxo obxectivo fundamental é achegar e difundir os valores culturais e paisaxísticos da cidade de Lugo e o seu ámbito a través do sendeirismo, mediante unha ruta especialmente deseñada para que os participantes coñezan e admiren os monumentos máis emblemáticos da cidade e parte do magnífico cinto verde do contorno.
"Lucus a pé" está organizado pola "Sociedade Micolóxica Lucus", unha asociación sen ánimo de lucro que dende hai máis de 10 anos é un referente na organización de eventos con grande éxito de participación no ámbito da cultura, a micoloxía e a natureza na cidade de Lugo.
O "Lucus a pé" comezará ás 10 da mañá coa reunión e recepción dos participantes na Praza Maior, onde se lles dará a benvida por parte dos organizadores e as autoridades públicas colaboradoras, amenizando o acto con música tradicional galega.
Iniciarase a ruta pasando pola Piscina Romana de Santa María e pola Catedral, ata chegar á Muralla Romana pola porta de Santiago, onde os participantes serán interceptados por unha comitiva de lexionarios romanos (acto de recreación histórica desenvolvido pola Asociación "Terra Cópora") que farán entrega dun salvoconduto para continuar camiñando pola cidade.
Continuará a marcha polo adarve da Muralla ata saír da cidade cara ao paseo do Río Rato e, posteriormente, ao paseo do Río Miño, percorrendo parte do mesmo polas súas dúas beiras, pasando ao carón da ponte e termas romanas e atravesando as magníficas paraxes, carballeiras e bosques de ribeira que nos ofrece o Miño ao seu paso por Lugo.
O percorrido concluirá no espazo verde fronte ao Pazo de Feiras e Congresos, onde terá lugar a comida de campo a base de produtos de Lugo, tamén amenizada polo son das gaitas.
OUTROS DATOS: Pararemos en Lugo a tomar o almorzo. Lembrade que nesta saída o xantar está incluido.
« Voltar