« Voltar

A Veiga - Pena Trevinca

Última actualización
16/09/2013

INFORMACIÓN DA ZONA

Pena Trevinca, a montaña máis alta de Galicia na rede natura 2000. Situada a 2.127 metros, está rodeada doutras montañas que forman un macizo denominado Macizo de Trevinca, como Pena Negra (2.119) e Pena Surbia (2.095).

A zona está incluída na Rede Natura 2.000 e é Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), ademais de zona de especial protección para as aves (ZEPA).

O territorio protexido abrangue unha ampla zona de case 25.000 hectáreas situada nos límites provinciais de Ourense con León e Zamora. A maior parte encóntrase no municipio da Veiga e no de Carballeda de Valdeorras.

A orixe do nome de Trevinca debateuse longamente por historiadores, con varias posibilidades. Por un lado podería provir do nome dunha flor silvestre moi habitual nesta zona: se trata da Vinca Minor, cuxo nome vulgar é "Pervinca". Esta especie é moi abundante en Trevinca, florece en primavera, é de cor azul e ten catro pétalos. Outras fontes aluden a outras posibilidades por canto o "Tre" inicial podería derivarse das tres provincias que a montaña separa, e mesmo aos tres ríos que nacen nos seus cumios.

A serra apenas está explotada turisticamente, salvo no que se refire a rutas de sendeirismo que son utilizadas habitualmente polos amantes da montaña. Nas abas do municipio de Carballeda instaláronse algúns remontes para a práctica do esquí, e existe un refuxio de montaña do Club Pena Trevinca. Tamén na cara da Veiga hai refuxio da Federación Galega de Montaña, está na localidade de Ponte.

O Macizo de Trevinca ten un clima excepcionalmente duro, con fortes nevadas en inverno, que ás veces se prolonga nos cumios ata ben entrada a primavera. Os altos nevados nutren regueiros, afluentes e ríos situados en todas as vertentes da serra, como o Xil, Xares ou Bibei. Nos cumios hai varias lagoas, de augas transparentes e extremadamente frías durante todo o ano. Entre eses lagos naturais da serra están o da Baña, e as lagoas de Ocelo e da Serpe.

Pero se algo distingue o lugar é o delicado equilibrio natural de todo o ámbito, no que hai unha gran diversidade bioclimática, debido fundamentalmente ao desnivel existente entre as cotas máis baixas e as que están máis elevadas.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos no Xares, no Hotel El Ciervo. Durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación.

Haberá unha parada para tomar o almorzo en A Rúa, e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 40 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 190€ para os socios e 220€ para os non socios, que se aboarán do seguinte xeito:

  1. ingreso en conta de 90€ os socios, e 120€ os non socios, para apuntarse, antes do 30 de setembro.
  2. os 100€ restantes, pagaranse no autobús.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios terán preferencia na asignación de prazas se fan o ingreso antes do 25 de setembro.

A saída farémola na mañá do sábado e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 06:55 h
Fogar de Santa Margarita 07:00 h
San Pedro de Mezonzo 07:05 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:10 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:15 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 07:30 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

05/10/2013

1º DIA (SAB)

 

CHEGADA SOBRE AS 12:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 12:10
Ruta: SENDA VERDE RÍO XARES
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:45
CEA ÁS 21:00

06/10/2013

2º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: PENA NEGRA - PENA TREVINCA
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:30
CEA ÁS 21:00

07/10/2013

3º DIA (LUN)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: LAGOAS DE TREVINCA
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 16:30
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 21:00

SENDA VERDE RÍO XARES 

Faremos unha parte da Senda Verde, que discorre entre os pobos e terras que foron, en maior ou menor medida, afectados pola construción do encoro de Prada en 1958. Este encoro é, indubidablemente, un dos atractivos turísticos máis relevantes do municipio.

No centro do encoro de Prada hai unha pequena illa coñecida como a illa de Preboubo, esta illa é un espazo natural constituído por praias fluviais, formacións rochosas impresionantes e unha vexetación espesa que invita a relaxarse e desconectar.

PENA NEGRA - PENA TREVINCA 

Poderemos facer os dous cumios máis altos de Galicia, dada a súa proximidade, primeiro atacaremos Pena Negra, e só nos queda unha ascensión, non moi longa, ata alcanzar sen problemas o impresionante cumio da Pena Trevinca.

Merece a pena o esforzo para contemplar a extraordinaria paisaxe que se ofrece ante os nosos ollos co val do río Tera, a estación invernal de Fonte da Cova, e os cumios máis importantes da rexión, como a Pena Negra, a Pena Surbia e o Picón, todos eles por enriba dos 2000 metros.

LAGOAS DE TREVINCA 

Trátase dunha ruta circular, a primeira parte en subida e a segunda en baixada. A ruta sobe constantemente, pero sen pendentes demasiado pronunciadas, en 6 km. subimos dos 1000 m. de altitude aos que se atopa Xares ata os 1570 m.

Durante a suba, temos vistas das serras circundantes: Manzaneda, Serra de Queixa, Courel, Trevinca... As lagoas de Trevinca están a uns 1500 m. de altitude. A primeira que nos atopamos, é a de Ocedo, de orixe glaciar.

Temos que desfacer uns poucos centos de metros de camiño, para seguir cara á seguinte lagoa, moi próxima, chegaremos á lagoa de Carrizais.

« Voltar