« Voltar

De refuxio por Picos de Europa

Última actualización
09/10/2013

INFORMACIÓN DA ZONA

O Parque Nacional Picos de Europa está situado no norte da Península Ibérica, na Cordilleira Cantábrica e entre Asturias, León e Cantabria.

Os tres macizos principais desta marabilla natural vense limitados por profundos vales e gargantas, aparecidos ante o paso erosionador das afiadas linguas de xeo dos glaciares e da forza das augas dos ríos que, aínda hoxe, seguen modelando ao seu gusto a pedra, disolvendo a caliza. O río Dobra, afluente do Sella, e o Deva, flanquean os montes ao oeste e ao leste da cordilleira, sendo o Cares e o seu afluente, o Duje, os encargados de distribuír o parque nos seus tres macizos.

A súa singularidade, beleza e interese paisaxística, natural e xeolóxica fixeron que este espazo pasase a declararse, en 1995, Parque Nacional dos Picos de Europa, acollendo na súa rexión occidental ao que fose o primeiro Parque Nacional de España, o da Montaña de Covadonga, pola súa maxestade Don Alfonso XIII, en 1918.

O conxunto da montaña de Covadonga en Asturias é a orixe do Parque Nacional dos Picos de Europa. O acceso faise a partir de Soto de Cangas, desde a estrada que une a Cangas de Onís con Arenas de Cabrales. A 6 quilómetros está o Santuario. Á entrada veremos a Santa Cueva, lugar onde se apareceu a patroa de Asturias a axudar ao Rei Pelayo a expulsar aos musulmáns. Para chegar aos Lagos de Covadonga aínda deberemos subir 12 quilómetros máis por unha estrada serpeante pero boa. A paisaxe, e unha vexetación frondosa rodea toda a contorna creando un dos lugares máis fermosos de todo Asturias.

Debido ao exceso de visitantes nas épocas de máis afluencia de turismo, o acceso aos Lagos está restrinxido e só se pode chegar utilizando transporte público. O resto do ano non hai ningún problema.

O Refuxio de Vegarredonda está situado na mallada do mesmo nome, a unha altura de 1.460 m. aproximadamente. É unha construción do ano 1987, aínda que anteriormente existía un pequeno refuxio situado un pouco máis arriba que o actual, e que serviu de polvorín durante a Guerra Civil española. Actualmente consta de dous edificios cunha capacidade total de 58 camas.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos no Refuxio de Vegarredonda. É necesario levar saco de durmir, frontal, toalla e dentro do refuxio non se pode andar coas botas, disponse de chanclas para camiñar por dentro pero se alguén o prefire pode levar as súas. Levar roupa de abrigo: guantes, gorro, roupa para a auga, etc. Os federados teñen que levar obrigatoriamente a licenza federativa e o DNI para amosar ao entrar no refuxio, se non terán que pagar un recargo. O prezo da ducha de auga quente é de 3€, non incluído no prezo da viaxe.

Haberá unha parada para tomar o almorzo en Otur, e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 50 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 155€ para os socios e 195€ para os non socios, que se aboarán do seguinte xeito:

  1. ingreso en conta de 105€ os socios, e 145€ os non socios, para apuntarse, antes do 28 de outubro.
  2. os 50€ restantes, pagaranse no autobús.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios non terán preferencia na asignación de prazas.

A saída farémola na mañá do venres e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 06:55 h
Fogar de Santa Margarita 07:00 h
San Pedro de Mezonzo 07:05 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:10 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:15 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 07:30 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

01/11/2013

1º DIA (VEN)

 

CHEGADA SOBRE AS 13:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 13:45
Ruta: MIRADOR DE ORDIALES - PICO COTALBA
CHEGADA AO REFUXIO ÁS 19:00
CEA ÁS 20:00

02/11/2013

2º DIA (SAB)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:30
Ruta: PICO LOS TRAVIESOS O DEL ALBA
CHEGADA AO REFUXIO ÁS 19:00
CEA ÁS 20:00

03/11/2013

3º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: VEGARREDONDA - SANTUARIO DE COVADONGA
XANTAR NO RESTAURANTE "O REPELAO"
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 16:00
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 21:30

MIRADOR DE ORDIALES - PICO COTALBA 

Sairemos dende o lago da Ercina, cara á pista que nos leva ao camiño do refuxio de Vegarredonda, e veremos a Vega de Enol. Pasaremos despois polo Pozo do Alemán, ata chegar á Vega de Canraso, despois virá a Rondiella e chegaremos ao outeiro Gamonal dende onde veremos o refuxio.

Unha vez nel, deixaremos as mochilas, xantaremos e despois iremos cara ao miradoiro de Ordiales onde están os restos do Marqués de Pidal e gozaremos de fermosas vistas (se o tempo o permite) cara ao Val de Angón en Amieva, e con vistas cara ao cordal de Ponga.

Cos que queiran vir subiremos o Pico Cotalba (2.026 m.), dende onde se poden ver unhas vistas moi fermosas de todos os cumios máis importantes do macizo occidental.

PICO LOS TRAVIESOS O DEL ALBA 

Sairemos dende o refuxio para internarnos no corazón do Macizo Occidental ou Cornión, en dirección sur, iremos cara a Peña Santa (montaña das máis fermosas e visitadas nesta zona) pola Llampa Cimera.

A medio camiño desviarémonos á esquerda (leste), en forte subida, ata alcanzar o outeiro da Fragua, onde xiraremos á dereita (sueste) pola cara norte da Torre Santa María Enol, ata chegar ao Hou dos Asturianos, e no outeiro dirixirémonos á Torre del Alba (2.390 m.).

Voltaremos polo mesmo camiño.

VEGARREDONDA - SANTUARIO DE COVADONGA 

Sairemos dende o refuxio para achegarnos ao bus, despois de deixar as mochilas, e dende o aparcamento de Buferrera sairemos en dirección a Vega de Fana, para alcanzar o outeiro das Travesas e baixar á veiga do mesmo nome, e despois ao outeiro La Bobia, onde baixaremos cara ao río Mestas, que desaparece na Vega de Orandi para aparecer de novo na cova do santuario de Covadonga.

Onde esperará o bus para levarnos a xantar.

« Voltar