« Voltar

Vila Nova de Foz Côa (Portugal)

Última actualización
17/03/2014
Tríptico Portugal.pdf (2.980 Kb)

Presentámosvos esta viaxe de sendeirismo de baixa montaña polo chamado Alto Douro Vinhateiro, na que gozaremos dunha paisaxe excepcional, con nada menos que dúas zonas que son Patrimonio da Humanidade. Tres son os principais motivos de interese:

O Alto Douro Vinhateiro. É a primeira rexión do mundo na que se creou unha Denominación de Orixe dun viño (ano 1756), o famoso viño de Porto. A Região Demarcada do Douro abarca unha inmensa riqueza paisaxística e cultural, engloba varios municipios: Régua, Santa Marta de Penaguião, Vila Real, Alijó, Carrazeda de Ansiães, Torre de Moncorvo, Lamego, Tabuaço, São João dá Pesqueira, Vila Nova de Foz Côa entre outros. A UNESCO declarouna no ano 2001 Patrimonio da Humanidade na categoría de paisaxe cultural.

O Parque Arqueolóxico do Val do río Côa. Durante a construción dunha presa que ía inundar todo o val, foron localizadas diversas zonas ao aire libre, con pinturas rupestres que os científicos consideran do Paleolítico Superior. Un movemento popular conseguiu paralizar a obra da presa e evitar a desaparición deses gravados, que pola súa importancia foron declarados pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1998.

As vías de ferrocarril abandonadas e en uso. As vías dos caminhos de ferro teñen un papel protagonista nesta viaxe. O seu trazado discorre polos lugares máis fermosos destes vales, abrazando o río Douro durante moitos quilómetros. O abandono dunha parte importante destas liñas permítenos percorrelas aínda que a maioría non estean preparadas como as chamadas vías verdes oficiais. Todos os días camiñaremos por elas, e o último subirémonos a un comboio para gozar dunha excursión única e inesquecible.

INFORMACIÓN DA ZONA

Alto Douro Vinhateiro, é a rexión situada na metade este do Douro, dende Peso de Régua a Barca de Alva. Abarca 250 mil hectáreas, das cales 48 mil dedicadas exclusivamente ao viño, aínda que na zona de Foz Côa hai tamén importantes plantacións de amendoeiras e oliveiras polo clima continental suavizado pola protección do río. A orixe do cultivo do viño remóntase aos romanos, e na idade moderna, aos ingleses, que no século XVII impulsaron a creación do mundialmente famoso viño de Porto. Páxina oficial de turismo do Douro.

Na súa xeografía o trazado do río Douro ten un protagonismo absoluto, cunha perfecta liña recta atravesa Portugal de leste a oeste, durante 190 km, pola que hai unha liña de ferrocarril ou caminho de ferro. Arredor do río, e nos seus numerosos afluentes, hai quilómetros de perfectas terrazas, que durante anos foi suavizando as súas pendentes abas, nas que teñen creado as quintas ou adegas que elaboran todas as variedades de viños, dende os de mesa ata os máis vellos oportos. Grazas á construción de diversas esclusas, o Douro é navegable ata a fronteira con España.

Peso de Régua é o centro administrativo da rexión, ao que chegan barcos medianos dende Porto, con camarotes para pasar a noite. Río arriba, vai diminuíndo o tamaño dos barcos, por estreitarse e perder moito calado na súa parte final.

Vila Nova Foz Côa (distrito de Guarda), con 9000 habitantes, é a cidade moderna máis importante da parte final, onde nos aloxaremos os catro días. Está situada nunha zona de altiplano con bos accesos, moi preto do Parque Arqueolóxico do Val do Côa. Páxina web do municipio.

Pinhão pertence á freguesía (municipio) de Alijó. Con só 900 habitantes, é un dos pobos máis pintorescos do Alto Douro, con numerosas quintas, moitas delas con aloxamento para explotar o turismo enolóxico. Tamén é moi coñecido pola súa estación do caminho de ferro, con preciosos murais de azulexos. Outro punto de interese é o seu pequeno porto fluvial, onde poderemos ver os tradicionais rabelos ou barcos tradicionais. Páxina oficial do municipio.

Como xa dixemos, as liñas de caminhos de ferro, tiveron nesta zona un papel fundamental nas comunicacións, sobre todo a que vai ao longo de todo o Douro. As outras liñas foron pechadas por non resistir a competencia das novas estradas, que ata hai pouco, tiñan trazados nos que os desprazamentos facíanse eternos. Páxina oficial dos caminhos de ferro de Portugal e Historia dá Linha do Corgo e outros caminhos de ferro abandonados.

Parque Arqueolóxico do Val do río Côa. Ten as pinturas rupestres de animais máis importantes de Europa. Pola súa importancia foron declaradas Patrimonio da Humanidade en 1998. Páxina do Parque e Museo do Côa.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Vila Nova de Foz Côa, na Pousada da Juventude e no Hotel Vale do Côa. Durmiremos en habitacións dobres (con baño ou sen baño).

O almorzo será cada un no seu lugar de aloxamento e cearemos todos xuntos no restaurante do Museo do Côa.

Haberá unha parada para toma-lo almorzo e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 38 persoas 54 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso.

Os prezos serán os seguintes:

  Socios  Non Socios
Pousada Habitación con baño190€220€
Pousada Habitación sen baño170€200€
Hotel Habitación con baño210€240€
NON quedan prazas en habitación con baño na Pousada da Juventude
que se aboarán da seguinte forma:

  1. ingreso en conta para apuntarse, antes do 25 de Abril:
    1. en habitación con baño na Pousada, 90€ os socios, e 120€ os non socios
    2. en habitación sen baño na Pousada, 70€ os socios, e 100€ os non socios
    3. en habitación con baño no Hotel, 110€ os socios, e 140€ os non socios
  2. os 100€ restantes, pagaranse no autobús.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios terán preferencia na asignación de prazas se fan o ingreso antes do 4 de Abril.

A saída farémola na mañá do xoves e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 06:55 h
Fogar de Santa Margarita 07:00 h
San Pedro de Mezonzo 07:05 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:10 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:15 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 07:30 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

01/05/2014

1º DIA (XOV)

 

CHEGADA SOBRE AS 11:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 11:00
Ruta: LINHA DO CORGO, DE VILA REAL A PESO DE RÉGUA
CHEGADA Á POUSADA ÁS 20:00
CEA ÁS 21:30

02/05/2014

2º DIA (VEN)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta 1: TORRE DE MONCORVO - FOZ DO RÍO SABOR
Ruta 2: ALMENDRA - GRAVURAS DE PENASCOSA – CASTELO MELHOR
CHEGADA Á POUSADA ÁS 20:00
CEA ÁS 21:30

03/05/2014

3º DIA (SAB)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: CAMINHO DE FERRO, FOZ CÔA – BARCA DE ALVA
CHEGADA Á POUSADA ÁS 20:00
CEA ÁS 21:30

04/05/2014

4º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: MURÇA - VESÚVIO - PINHÃO
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 15:00
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 20:30

LINHA DO CORGO, DE VILA REAL A PESO DE RÉGUA 

Trátase dunha vella liña de caminho de ferro inaugurada en 1910 que unía Peso de Régua con Chaves. Cos anos foi perdendo usuarios recortándose ata Vila Real. En 2009 quedou definitivamente abandonada, reconverténdose en vía verde non oficial, que discorre sempre paralela ao curso baixo do río Corgo, que desemboca no Douro en Peso de Régua.

A ruta, no sentido en que a facemos, é sempre en suave baixada, a media aba, entre grandes plantacións de viñedos. Ten unha senda ancha cun chan de terra compactada, sen vías, travesas ou pedras, o que permite gozar aínda máis das magníficas vistas que hai en todo o percorrido e coñecer as pequenas aldeas e as súas distintas estacións. En Alvações faremos a parada do xantar, e poderemos tomar café e probar o viño da zona.

Pola tarde quedaranos unha hora de camiño ata chegar a Tanha, onde a liña se cruza coa estrada e nos recollerá o bus.

Distancia: 21 km - Desnivel de baixada: 336 m - Tempo: 7 horas con paradas. Fotos da ruta

TORRE DE MONCORVO - FOZ DO RÍO SABOR 

Partimos de Torre de Moncorvo, unha fermosa cidade de media montaña da Serra do Reboredo, a 25 km de Vila Nova de Foz Côa.

No principio pasaremos pola Ecopista da Linha do Sabor (outra liña abandonada) para chegar ata a estación. Alí enlazaremos cunha fermosa senda en baixada, que nos permitirá ver a parte máis agreste do pequeno río Sabor, que forma unha foz, con numerosas fervenzas e pozas. Así iremos descendendo ata chegar á súa desembocadura no río Douro.

Distancia: 9 km - Desnivel de baixada: 270 m - Tempo: 3 horas con paradas. Fotos da ruta

ALMENDRA - GRAVURAS DE PENASCOSA – CASTELO MELHOR 

É unha ruta guiada que faremos dentro do Parque Arqueolóxico do Val do río Côa. Ás 13:30h sairemos de Almendra (conservan o nome en castelán) cun guía que nos acompañará a pé e outro que irá pechando cun coche de apoio. Durante os 6 km que hai ata as gravuras o guía explicaranos a historia do parque arqueolóxico e as características xerais do val.

Chegaremos a Penascosa sobre as 15h, onde nos dividirán en varios grupos, para ir visitando as distintas zonas de gravados que datan do paleolítico superior, duns 20000 anos a.c. En 1996 este val foi declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.

Sobre as 16:30h iniciaremos o camiño de saída, por unha cómoda pista nunha doada costa, que nos poñerá en Castelo Melhor sobre as 18h. Despois dunha curta parada, tentaremos facer unha visita a unha das adegas do val.

Almendra - Penascosa.- Distancia: 6 km. - Desnivel de baixada: 311 m - Tempo: 1,5 horas
Penascosa - Castelo Melhor.- Distancia: 6 km - Desnivel subida: 246 m - Tempo: 1,5 horas. Fotos da ruta

CAMINHO DE FERRO, FOZ CÔA – BARCA DE ALVA 

Sairemos andando da Pousada, atravesaremos o pobo de Foz Côa e por bos camiños chegaremos ao río Douro. O resto da ruta será toda pola vía que vai pegada ao río, pasando por dous túneles doados, varias estacións e pontes. O trazado mantén as vías, travesas e as pedras.

Distancia: 21 km - Desnivel de baixada: 273 m - Tempo: 9-10 horas con paradas. Fotos da ruta

MURÇA - VESÚVIO - PINHÃO 

Ruta dende Murça (a 12 km de Foz Côa) ata a estación de Vesúvio onde chegaremos sobre as 11h, por un fermoso tramo de pistas entre viñedos, cunhas impresionantes vistas.

Ás 11:30h colleremos o comboio que nos levará en 45 minutos ata Pinhão, un dos pobos máis fermosos do alto Douro, cunha excepcional paisaxe de quintas que xa veremos na viaxe en tren (billete incluído na inscrición). A súa estación ten uns fermosos murais de azulexos, e no peirao veremos os tradicionais rabelos, os pequenos barcos que transportaban as barricas de viño.

En Pinhão xantaremos e poderemos estar ata as 15h (hora portuguesa, 16h hora española), en que emprenderemos a viaxe de regreso.

Distancia: 5 km - Desnivel: inapreciable - Tempo: 1,15 horas. Fotos da ruta

« Voltar