« Voltar

De refuxio por Picos de Europa

Última actualización
21/05/2014

INFORMACIÓN DA ZONA

O Parque Nacional Picos de Europa está situado no norte da Península Ibérica, na Cordilleira Cantábrica e entre Asturias, León e Cantabria.

Os tres macizos principais desta marabilla natural vense limitados por profundos vales e gargantas, aparecidos ante o paso erosionador das afiadas linguas de xeo dos glaciares e da forza das augas dos ríos que, aínda hoxe, seguen modelando ao seu gusto a pedra, disolvendo a caliza. O río Dobra, afluente do Sella, e o Deva, flanquean os montes ao oeste e ao leste da cordilleira, sendo o Cares e o seu afluente, o Duje, os encargados de distribuír o parque nos seus tres macizos.

A súa singularidade, beleza e interese paisaxística, natural e xeolóxica fixeron que este espazo pasase a declararse, en 1995, Parque Nacional dos Picos de Europa, acollendo na súa rexión occidental ao que fose o primeiro Parque Nacional de España, o da Montaña de Covadonga, pola súa maxestade Don Alfonso XIII, en 1918.

O conxunto da montaña de Covadonga en Asturias é a orixe do Parque Nacional dos Picos de Europa. O acceso faise a partir de Soto de Cangas, desde a estrada que une a Cangas de Onís con Arenas de Cabrales. A 6 quilómetros está o Santuario. Á entrada veremos a Santa Cueva, lugar onde se apareceu a patroa de Asturias a axudar ao Rei Pelayo a expulsar aos musulmáns. Para chegar aos Lagos de Covadonga aínda deberemos subir 12 quilómetros máis por unha estrada serpeante pero boa. A paisaxe, e unha vexetación frondosa rodea toda a contorna creando un dos lugares máis fermosos de todo Asturias.

Debido ao exceso de visitantes nas épocas de máis afluencia de turismo, o acceso aos Lagos está restrinxido e só se pode chegar utilizando transporte público. O resto do ano non hai ningún problema.

O Refuxio de Vegarredonda está situado na mallada do mesmo nome, a unha altura de 1.460 m. aproximadamente. É unha construción do ano 1987, aínda que anteriormente existía un pequeno refuxio situado un pouco máis arriba que o actual, e que serviu de polvorín durante a Guerra Civil española. Actualmente consta de dous edificios cunha capacidade total de 58 camas.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos no Refuxio de Vegarredonda. É necesario levar saco de durmir, frontal, toalla e dentro do refuxio non se pode andar coas botas, disponse de chanclas para camiñar por dentro pero se alguén o prefire pode levar as súas. Levar roupa de abrigo: guantes, gorro, roupa para a auga, etc. Os federados teñen que levar obrigatoriamente a licenza federativa e o DNI para amosar ao entrar no refuxio, se non terán que pagar un recargo. O prezo da ducha de auga quente é de 3€, non incluído no prezo da viaxe.

Haberá unha parada para tomar o almorzo en ruta. O xantar do primeiro día corre por conta de cada un e é recomendable levar o necesario xa que a parada pode ser nunha área de servizo sen supermercado.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 30 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 190€ para os socios e 235€ para os non socios, que se aboarán do seguinte xeito:

  1. ingreso en conta de 90€ os socios, e 135€ os non socios, para apuntarse, antes do 17 de xuño.
  2. os 100€ restantes, pagaranse no autobús.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios non terán preferencia na asignación de prazas.

A saída farémola na mañá do sábado e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 06:55 h
Fogar de Santa Margarita 07:00 h
San Pedro de Mezonzo 07:05 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:10 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:15 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 07:30 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

21/06/2014

1º DIA (SAB)

 

CHEGADA SOBRE AS 13:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 13:45
Ruta: RUTA DA MADEIRA
CHEGADA AO REFUXIO ÁS 19:00
CEA ÁS 20:00

22/06/2014

2º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:30
Ruta: PICO LOS TRAVIESOS O DEL ALBA
CHEGADA AO REFUXIO ÁS 19:00
CEA ÁS 20:00

23/06/2014

3º DIA (LUN)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:30
Ruta: TORRE DE ENMEDIO
CHEGADA AO REFUXIO ÁS 19:00
CEA ÁS 20:00

24/06/2014

4º DIA (MAR)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: MIRADOR DE ORDIALES - PICO COTALBA
XANTAR EN RESTAURANTE
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 16:00
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 21:30

RUTA DA MADEIRA 

Dende preto de Pan de Carmen ou ben dende a veiga La Piedra sairemos cara ao refuxio de Vegarredonda. Colleremos o Camín de la Madera que foi construído nos anos 1957-58 co fin de explotar a madeira existente no faial de Ciarda. Pasaremos polos chairos do Burdio e dende aquí cara ás profundidades do río Pelabarda. O camiño atravesa as camperas para internarse no monte La Cerezal, por un sendeiro tallado na rocha, feito para aproveitamento forestal, ata a veiga Los Corrales e descendemos por un pequeno sendeiro que baixa polo monte La Cerezal.

Empezamos a ascender polo faial de Ciarda, continuamos pola veiga La Ciarda e ascendemos ata a veiga La Rondiellina. Subimos en dirección aos Gurbiñales ata o outeiro do Acebo, dende aquí divisamos o encaixado val do Junjumia e descenderemos ata a mallada de Gusteguerra e de aquí ata o río Junjumia, para cruzalo e seguir río arriba pasando polo pequeno faial da Hoyosa de Verdepelau e a mallada de Jul Paré e só nos queda ascender pola súa marxe dereita en dirección aos Güeyos del Junjumia e dende aquí alcanzar o refuxio.

PICO LOS TRAVIESOS O DEL ALBA 

Saímos do refuxio en dirección ao antigo refuxio de Vegarredonda, continuamos a marcha pola Llampa Cimera sen perder de vista en ningún momento o Porru Bolu. Alcanzamos o outeiro La Fragua, así chamado porque por aquí se sacaba o mineral extraido do Jou Sin Tierri. Dende aquí entraremos na zona dos Jous de Los Asturianos e do Jou Santo a través de Las Barrastrosas e veremos por primeira vez moitos dos grandes cumios do Cornión. Dende a primeira parte de Las Barrastrosas vemos os primeiros cumios importantes; de esquerda a dereita a Aguja de Enol, a Torre de Santa María e La Cebolleda. Cara ao leste: a Torre de los Traviesos, o Pico de los Asturianos e a Torre de la Canal Parda.

Buscamos o flanco norte do Jou de los Asturianos para alcanzar unha crista que nos achega á base do Pico de los Asturianos. Dende a crista vemos nunha panorámica o amplo fondal do Jou Santo. A Torre de los Traviesos nesta perspectiva queda oculta polo Pico de los Asturianos aínda que é máis alta que este. Bordearémolo pola esquerda. Queda unha zona con fortes ramplas na parte final. Dende o cumio vemos gran parte do Cornión e o camiño percorrido dende o outeiro La Fragua.

TORRE DE ENMEDIO 

Dende o refuxio remontamos o val da Llampa Cimera, dominado polo cresterío dos Argaos e o singular Porru Bolu (1.932 m.). Alcánzase o final da Llampa Cimera e, pola dereita, sóbese pola Cuesta de Cebolleda deixando a man esquerda as Torres de Cebolleda (2.438 m.), un conxunto de encrespados picachos que anteceden á Torre de Santa María (2.478 m.). A senda leva a un outeiro herboso, La Mazada (2.030 m.), dende aquí as vistas son impresionantes. Seguimos o camiño a media aba ata Fonte Prieta, aquí poderemos encher auga e subir por graveiras á horcada de Santa María (2.280 m.).

Unha vez na horcada descendemos un pouco polo pedregal que cae ao Jou Santu e xiramos á dereita (S.) para rodear a base da Torre de la Horcada (2.460 m.) e alcanzar o outeiro. Agora deixamos á dereita (N.) a Torre de la Horcada para subir sen complicacións á relevante Torre de Enmedio (2.487 m.), dende onde divisaremos os principais cumios do macizo occidental e tamén do central.

MIRADOR DE ORDIALES - PICO COTALBA 

O sendeiro sae xusto detrás do refuxio de Vegarredonda e condúcenos ata a canle de Cueñe Cerrada pola cal comezamos a subir ata o outeiro Forcau. O sendeiro condúcenos por unha zona de jous (buratos) nun continuo sobe e baixa. O camiño empínase superando unha aba rochosa que nos deixa ver a zona das pradarías de Ordiales. Cara a elas dirixímonos, pasamos xunto ao refuxio do antigo "Icona" e tras un último esforzo alcanzamos o noso obxectivo, o Miradoiro de Ordiales. En realidade é unha terraza natural colgada do baleiro a 1.750 m. de altitude. As vistas son impresionantes e é coñecido por estar alí enterrado Pedro Pidal y Bernaldo de Quirós, marqués de Villaviciosa de Asturias, primeira persoa que xunto co pastor Gregorio Pérez "El Cainejo" escalou o Naranjo de Bulnes.

Para subir ao Cotalba abandonamos o sendeiro para subir por unha canle. A suba é moi pedregosa e o camiño non está moi marcado. Tras superala aparece ante nós un burato que precede ao cumio que aínda se encontra escondido. Só nos queda superar outra pequena e sinxela trepada para culminar a ascensión e gozar das vistas dende este modesto pero maxestoso pico.

« Voltar