« Voltar

Fraga e Levadas do Calvo e Deva


Ruta Fragas Calvo e Deva.pdf (682 Kb)
SITUACIÓN XEOGRÁFICA: Ponte Parada, A Cañiza (Pontevedra)
DATA DA ACTIVIDADE: Sábado, 15 de Novembro de 2014
PREPARADA POR: Luis e Asun
PREZO DA ACTIVIDADE: 12€ para os socios e 17€ para os non socios. Inclúe desprazamento en autobús e seguro de actividade
DATA TOPE PARA APUNTARSE: Xoves, 13 de Novembro de 2014, antes das 15 horas
COMO CHEGAR: Pola AP-9, dirección Santiago, desvío pola AP-53 a Ourense, collemos a A-52 cara a Vigo, deixámola na saída de A Cañiza, e por estrada local PO-9402 ata Ponte Parada.

DATOS TÉCNICOS:

TIPO DE SENLLA: Pistas de terra, algo de asfalto, bosque e camiños de río.
DIFICULTADE: Baixa — Baixa-Media — Media — Media-Alta — Alta
DURACIÓN: 5 horas
DISTANCIA LINEAL: 17 Km.
INTERESE DA RUTA: Natureza, historia do patrimonio artístico.
RECOMENDACIÓNS: Bastón, pantalón longo, botas de gore tex ou similar.
BREVE DESCRICIÓN: Nas terras medias e altas da parroquia de Parada de Achas, pertencente ao concello de A Cañiza, polas fragas que acollen no seu seo as augas dos ríos Deva, Oulo e Calvo, polas numerosas levadas que aínda se utilizan para o regadío de labradíos e prados; a Asociación de Veciños de Parada - A Paradanta -, propúxose trazar un itinerario de sendeirismo para dar a coñecer toda a beleza que encerran os recunchos da súa parroquia. Hoxe ese proxecto é unha realidade palpable. Un percorrido que pola diversidade de contornas, a variedade de paisaxes ou a pluralidade das súas aldeas fai que o camiñante vaia de sorpresa en sorpresa, cativado pola exuberancia das fragas de carballos e castiñeiros; fascinado pola fermosura das ribeiras dos ríos Deva e Calvo; cegado polos horizontes que ofrecen as alturas de Cruz de Paradanta e Coto da Vella, maravillado pola proliferación de sobreiras no Sobreiral de San Martiño e, como non, admirarse ante o traballo dos paisanos destas terras construíndo levadas, muíños, camiños, presas, pontellas, pasos e toda obra de arquitectura civil susceptible de mellorar e facer máis viable a súa existencia.
E se a natureza ha de encher a nosa curiosidade en cada revolta do camiño; os mitos, fábulas, lendas e tradicións que os paisanos gardan no máis profundo da súa memoria, abrirannos a mente a meditar e reflexionar sobre aspectos trascendentais que nos sitúan nas orixes dos tempos.
Como ves, os argumentos que poñemos á túa disposición, son máis que suficientes para que te animes a percorrer estes camiños.
OUTROS DATOS: Faremos a parada para almorzar en A Cañiza, e comprar o necesario para xantar, antes de comezar a camiñar.
« Voltar