« Voltar

O Courel

Última actualización
14/04/2015

INFORMACIÓN DA ZONA

A Serra do Courel é un Espazo Natural Protexido que ten como límites naturais o Camiño de Santiago polo norte, o veciño León polo leste e a canle do río Sil ao sur. Na súa extensión multitude de ríos descenden dos altos cumios formando uns fermosos vales coas típicas devesas, bosques de vexetación autóctona que alcanzan no Caurel a súa maior expresión. A historia do Courel está determinada polo seu illamento xeográfico, que o fixo estar apartado de moitos dos feitos históricos que tiñan lugar noutras zonas de Galicia.

A orixe do nome do Courel pode derivar de aureum (ouro) debido á gran cantidade de explotacións a ceo aberto que realizaron os romanos. Durante a súa estanza nestas terras, aproveitaron esta riqueza grazas á forza dos ríos e a sofisticadas obras de enxeñaría como é o 'ruina montium'. Entre as minas máis importantes podemos destacar a da Toca e a de Torubio Oeste.

Durante a Idade Media, constrúese a Fortaleza de Carbedo. A finais do século VIII, ten lugar o feito histórico máis relevante do municipio. Os monxes de Samos resgardan da ira do seu tío ao futuro rei Alfonso O Casto na parroquia de Santa María de Folgoso, a beiras do río Lor.

Este illamento xeográfico continua en posteriores épocas, nas que a maior fonte de riqueza é a explotación dos diferentes recursos minerais, non podendo evitar un decrecemento da súa poboación, que buscaba na emigración unha saída a eses problemas xeográficos. Na actualidade, o municipio da Serra do Caurel conserva as súas tradicións, comezando a xurdir pequenas casas de turismo rural que dan aloxamento a unha clase de turistas, os cales saben apreciar como ninguén a tranquilidade destas terras.

Das elevadas montañas descenden numerosas canles fluviais que dan lugar a variados ecosistemas, entre os que destaca o río Lor, que percorre toda a bisbarra dende o seu nacemento no Cebreiro ata a desembocadura no río Sil, ao seu paso por Augasmestas. Os diversos afluentes do Lor, forman ao seu paso os típicos vales do Courel.

Estamos nunha das zonas menos poboadas de Galicia onde a maior parte dos habitantes traballan no sector primario. As explotacións forestais e de lousa son tamén unha importante fonte de ingresos.

Debido ás condicións climáticas e a estas diferenzas de altura entre cumios e vales encontrámonos ante a reserva botánica máis importante de Galicia. Ás beiras das diversas canles fluviais, encontrámonos as devesas, bosques de especies autóctonas que no Courel alcanzan a súa máxima expresión na Devesa da Rogueira.

Castiñeiros, carballos, aciñeiras, teixos, bidueiros, acivros, xestas, albedros, piornais... Un verdadeiro paraíso para o amante da natureza. De entre todos destacamos o castaño, sempre presente en todos os nosos percorridos e auténtico recurso para todo.

Esta gran cantidade de ecosistemas diferentes que existen no Caurel provocan que a diversidade faunística sexa moi ampla. Noutros tempos, estas serras foron elixidas por comunidades de osos pardo que, na actualidade, se recluíron nas montañas asturianas. Na nosa ruta poderemos encontrarnos cunha manda de lobos, nalgunha das súas incursións nocturnas, ou de xabarís, que teñen nas castañas o seu mellor alimento.

Raposos, teixugos, martas, corzos, xenetas, armiños... todos eles teñen o seu sitio no Caurel. Dende as árbores, seremos observados polo bufo real. No aire, gozaremos cos maxestosos voos da aguia real e a culebreira, ademais do miñato e varias especies de aguiachos.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Quiroga, no Albergue de Quiroga. Durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación. As sabas están incluídas pero é necesario levar as toallas.

Haberá unha parada para toma-lo almorzo en Pedrafita do Cebreiro e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 40 persoas. Hai que facer un ingreso por persoa. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 100€ para os socios, 125€ para os non socios federados e 135€ para os non socios non federados, que se aboarán do seguinte xeito:

  • ingreso en conta de 100€ os socios, 125€ os non socios federados e 135€ os non socios non federados, para apuntarse, antes do 28 de abril.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios non terán preferencia.

A saída farémola o venres e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 07:25 h
Fogar de Santa Margarita 07:30 h
San Pedro de Mezonzo 07:35 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:40 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:45 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 08:00 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

01/05/2015

1º DIA (VEN)

 

CHEGADA SOBRE AS 11:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 11:15
Ruta: FERREIRÓS - PENABOA - COUTO
CHEGADA AO ALBERGUE ÁS 19:00
CEA ÁS 21:00

02/05/2015

2º DIA (SAB)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: CALZADA ROMANA DO CAROCEIRO / CAMIÑO DO FERRADAL
CHEGADA AO ALBERGUE ÁS 19:00
CEA ÁS 21:00

03/05/2015

3º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: VAL DAS MOURAS
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 18:00
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 20:30

FERREIRÓS - PENABOA - COUTO 

A ruta iníciase no Pontón en Ferreirós de Abaixo dende onde iniciaremos unha subida progresiva cara a Ferreirós de Arriba atravesando soutos e carballeiras. Iremos paralelos ao Rego da Veiga ata chegar a Ferreirós de Arriba onde poderemos coller auga na súa fonte. Dende alí atravesaremos o pobo e o río Penaboa para dirixirnos ao Penaboa polo camiño que desbrozou Orlando, un dos maiores defensores do Courel. Dende aquí a subida farase pola aresta nun sendeiro entre uces e pequenas trepadas. Na última parte teremos unhas marabillosas vistas ata chegar ao miradoiro alí existente. Despois de facer 900 m. de desnivel positivo.

Despois dunha parada para repoñer folgos, polas enormes devasas dirixirémonos á entrada da Devesa da Rogueira na Louseira, o bosque atlántico mellor conservado, que atravesaremos de xeito lonxitudinal. Pararemos nas Fontes do Cervo para probar as súas augas cálcicas ou ferrosas según prefiramos. Dende alí seguiremos cara a o Alto do Couto onde estará o bus esperándonos.

CALZADA ROMANA DO CAROCEIRO / CAMIÑO DO FERRADAL 

Esta ruta atravesará todo o val do río Soldón, onde as ferrerías foron en tempos a súa fonte de desenrolo económico. A ruta farase polos camiños do Caroceiro e o Ferradal, tendo sempre como referencia o río Soldón.

Na ferrería de Soldón veremos os antigos restos da enorme ferrería alí existentes na desembocadura do río Montouto que ven da Devesa do Cervo. Dende alí, polo camiño que ven da Seara, dirixirémonos ao pobo de Outeiro, deixando sempre a un lado o seu enorme e produtivo souto, uns dos máis grandes de Galicia.

Dende Outeiro comezaremos un sube e baixa que irá a media altura seguindo as curvas do río Soldón que nos acompañará en todo o noso percorrido ata Vilarmel. Dende alí chegaremos á restaurada ferrería de Rugando, hoxe hotel rural de luxo, onde comeza o marabilloso camiño do Ferradal que nos interna, literalmente, nas marxes do Soldón atravesando bosques de ribeira e atlánticos, ata chegar a Paradaseca, onde nos estará esperando o bus. Se fosemos ben de tempo e de folgos poderiamos seguir ata a desembocadura do Soldón no río Sil, en Ponte Soldón, para rematar o camiño do Ferradal no Camiño de Santiago de inverno.

VAL DAS MOURAS 

Esta ruta comeza en Seoane remontando o río Pequeno en dirección a Paderne. Este tramo presenta pendentes moderadas e nel pódense observar as Casas do Mazo e as Cabanas de Carballois. Para chegar a Paderne debemos cruzar varios regos e carozos, así como subir unha pequena costa antes de chegar á aldea. En Paderne atopamos o Castiñeiro do Val da Fonte.

Saímos de Paderne, cruzamos o río Pequeno e comezamos a desandar o camiño cara a Seoane. Para isto iremos salvando curtos tramos de ascenso e descenso de xeito alternativo, ata chegar ás proximidades do Castro de Brío. Dende alí, o camiño tórnase máis doado, pois é todo baixada ata chegar a Mercurín, onde observaremos un magnífico souto, seguido por un tupido aciñeiral nas denominadas Taras de Mercurín. Alí faremos unha variante e dirixirémonos ao máxico lugar do Val das Mouras.

O Val das Mouras, é un labirinto cárstico, que ao parecer empezou a formarse cun clima tropical. A auga subterránea saturada de CO2 foi disolvendo as rochas ata formar cavidades que se fixeron tan grandes que se lles afundiu o teito (dolinas), quedando só en pé as divisións verticais entre elas (tabiques e columnas) e o chan quedou cheo de bloques partidos. Logo de miles de anos os ocos entre os bloques, columnas e tabiques fóronse enchendo de terra tapando as rochas por enteiro. Logo á canle do río Lor tocoulle pasar pola zona deixando as rochas espidas case coma no momento do afundimento dos teitos. Na idade media os veciños plantaron os castiñeiros do souto de Mercurín e da Ferrería Vella completando a maxia deste único e incrible conxunto.

« Voltar