« Voltar

O Alto Bernesga (León)

Última actualización
16/09/2015

INFORMACIÓN DA ZONA

Presentamos esta actividade de media montaña por dúas das zonas máis fermosas da montaña central leonesa, como son as veciñas comarcas do Alto Bernesga e do Río Luna. As dúas son Reserva da Biosfera desde o 2005 e 2006. O seu maior mérito está en conservar a paisaxe rural das brañas e pobos de montaña en perfecta convivencia coa exuberante vexetación e unha abundantísima fauna. A variedade das súas paisaxes, a súa abundante masa forestal e as ducias de camiños e pequenos vales cheos de brañas, ofrécennos no outono a súa máis bela e colorida imaxe, sen a crueza do inverno ou as fortes calores do verán.

A comarca do río Luna é un amplo territorio de grandes e pequenos vales nos que o río Luna é o accidente xeográfico máis importante, sobre todo desde que en 1956 inaugurouse o grande encoro de Barrios de Luna dividíndoa en Luna de Arriba e Abaixo, con orientación norte a sur, desde Sena de Luna a Barrios de Luna onde está a presa. Desde o ano 1997 tamén cambiou a paisaxe o trazado da Autoestrada da Huerna coa súa famosa ponte atirantada deseñada polo enxeñeiro Carlos Fernández Casado, o máis grande de España no seu xénero.

Aínda con estas obras, Luna conserva ben a súa paisaxe e, na maioría dos pobos, os habitantes dedicáronse a montar pequenos establecementos de hostalería para vivir do crecente turismo de natureza, xa que conserva importantes masas forestais, a pesar de estar na cara sur da Cordilleira Cantábrica, e que parte dos seus bosques foron eliminados pola sobre explotación da gandería ovina.

O Alto Bernesga atópase ao leste de Luna, tamén con orientación norte sur, nos municipios de Villamanín e A Pola de Gordón, co río Bernesga como principal canle fluvial. Ao norte están os grandes cumios da Cordilleira Cantábrica, facendo fronteira con Asturias. Aquí está a Estación Invernal de Pajares ou Braña Vieja no municipio de Villamanín. Cara ao sur seguindo a N-630 chégase á Pola de Gordón, centro da actividade económica do val.

A importancia dos seus bosques de faias, bidueiros e carballos xustifica con fartura a declaración de Reserva da Biosfera. A iso hai que sumar a sua abundantísima fauna cunha crecente poboación de osos e lobos.

Outros elementos de interese no Alto Bernesga como lugar de paso entre Asturias e a Meseta Castelá, son o trazado da Ruta da Prata, o Camiño de San Salvador, unha variante norte do Camiño de Santiago, a transhumancia, que durante anos se practicou entre os portos desta zona e Estremadura.

A Guerra Civil española ten aquí importantes restos en moitos dos seus cumios, onde se poden ver trincheiras, galerías e outras construcións militares, que son obxecto de visita polos afeccionados á historia. Poderémolas ver o domingo, na ascensión ao pico Fontañán.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Caldas de Luna, no Hotel Balneario Caldas de Luna. Durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación.

Haberá unha parada para toma-lo almorzo en Vega de Valcarce e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 35 persoas. Hai que facer un ingreso por persoa. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 220€ para os socios, 240€ para os non socios federados e 250€ para os non socios non federados, que se aboarán do seguinte xeito:

  • ingreso en conta de 220€ os socios, 240€ os non socios federados e 250€ os non socios non federados, para apuntarse, antes do 6 de outubro.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios non terán preferencia.

A saída farémola o sábado e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 07:25 h
Fogar de Santa Margarita 07:30 h
San Pedro de Mezonzo 07:35 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:40 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:45 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 08:00 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

10/10/2015

1º DIA (SAB)

 

CHEGADA SOBRE AS 12:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 13:00
Ruta: RUTA DAS BRAÑAS
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:00
CEA ÁS 21:30

11/10/2015

2º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: ASCENSION AO PICO FONTAÑÁN
Ruta: CIÑERA - VILLASIMPLIZ
CHEGADA AO HOTEL ÁS 20:00
CEA ÁS 21:30

12/10/2015

3º DIA (LUN)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:00
Ruta: DESFILADEIRO DE LOS CALDERONES
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 16:30
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 21:30

RUTA DAS BRAÑAS 

A ruta parte do Balneario de Caldas de Luna, atravesa a autoestrada de León a Asturias e pasa polo Faedo, un bosque de faias de certa entidade. Cruza de novo a autoestrada, por baixo, nas proximidades do túnel do Negrón, comezando un pronunciado ascenso polo antigo camiño carretero cara ás brañas de Lavén. Abandónase este camiño para tomar unha vereda, A Sendina, que atravesa un bosque de carballos moi ben conservado ata chegar a Lavén.

A ruta discorre entre os prados e cabanas da braña, que se abandonan polo antigo camiño ata contactar cunha pista de novo trazado que leva a La Divisa, donde existe un refuxio e un curral para o gando. Trátase do punto máis elevado do percorrido, desde o que se contempla unha magnífica panorámica dos cumes que marcan o límite entre as comarcas de Luna e Arbas.

Desde aquí, a ruta descende ata as cabanas do Pandiello, agora apenas unhas ruínas. Tras un lixeiro ascenso pola paraxe das Muesas, entre escobales e piornales, a ruta descende de novo, agora de xeito pronunciado, por unha zona de pedreiras ou cheras, salpicadas por matogueiras e algúns pequenos rodales de carballo. Pronto chega a Gameo, onde persisten as antigas cabanas da braña, xunto a outras de recente construción. En Gameo tómase un camiño en dirección ao túnel do Negrón desde onde se regresa a Caldas.

ASCENSION AO PICO FONTAÑÁN 

Non é o máis alto nin o máis montañeiro, pero por situación e historia, é unha cita imprescindible nesta viaxe. Pódese subir de moitos xeitos, nós eliximos facelo pola ruta normal, marcada pola Asociación Catro Vales, descendendo á Pola de Gordón pola súa pendente cara leste.

A ruta iníciase á altura da localidade de Olleros de Alba, xunto á estrada comarcal que enlaza A Magdalena coa Robla. Alí sae unha pista que discorre paralela ao arroio que percorre o pobo de norte a sur. Seguindo o camiño, pronto sorprende unha pequena fervenza, "O Salto", desde onde se aprecia como o val vaise estreitando cada vez máis, ata converterse nunha fouce. A paisaxe está dominada polo karst, orixinado cando a auga da choiva, lixeiramente aceda, modela a roca calcaria. As paredes rochosas, aparentemente desprovistas de vexetación, acollen un elevado número de especies rupícolas, perfectamente adaptadas ás adversas condicións que reinan nesta contorna. Na parte alta da gorxa desenrólase un aciñeiral ben conservado. Entre as paredes verticais aparecen canchais nos que o continuo movemento das pedras fai difícil o asentamento da vexetación.

Cara á metade das fouces, unha vereda á esquerda, permite acceder ao "Calello de Castrillos", un angosto desfiladeiro. Case na cima, entre os brezos, consérvanse os restos de trincheiras que soportaron algún dos máis sanguentos episodios da guerra civil. Desde o cume pódense contemplar magníficas panorámicas da comarca e descubrir os usos que o home foi dando ao territorio. O descenso á La Pola será por unha empinada senda sen gran dificultade, que transcorre case toda por un magnífico bosque de faias e carballos.

CIÑERA - VILLASIMPLIZ 

Outra cita imprescidible no Alto Bernesga é o Faial de Ciñera, unha pequena xoia natural que o ano 2007 foi declarado o Bosque Mellor Coidado de España que outorga a organización Bosques sen Fronteiras. No seu interior hai un exemplar coñecido como Fagus que ten máis de 500 anos.

A ruta comeza no pobo mineiro de Ciñera de Gordón, o que comprobaremos ao comezo ao atoparnos cunha galería pechada cun enreixado. Seguiremos por unha pista cómoda en lixeira subida que nos levará en menos dunha hora ao Faedo onde poderemos gozar do extraordinario bosque. Despois seguiremos por un pequeno desfiladeiro coñecido como as Hoces de Vilar, con pasarelas e cables para facilitar o avance. Na parte final seguiremos por unha forte rampa ata a Collada de Villar, onde teremos unhas espléndidas vistas do val. Só nos queda un cómodo descenso ata A Viz 'a monte' por senllas fáciles.

En A Viz comeza o último tramo do día que nos levará en 45 minutos á Ermida de San Lorenzo, situada no alto dun aparentemente inaccesible peñasco baixo o que está o Tunel da Gotera, e á que se accede pola súa cara norte coa axuda duns cables e ferros para superar o tramo máis agreste. O panorama que se divisa compensará o último e duro esforzo do día. Dependendo da luz que nos queda, de como vaiamos de horario, etc. seguiremos ata Villasimpliz ou regresaremos a A Viz, onde nos esperará o bus.

DESFILADEIRO DE LOS CALDERONES 

No pobo de Piedrasecha na comarca de Luna, esta o último dos nosos obxectivos. Polo seu gran valor xeolóxico e paisaxístico, os Calderones está considerado un punto de interese xeolóxico no Atlas do Medio Natural da Provincia de León. As súas calcarias teñen a súa orixe en sedimentos depositados desde fai 360 millóns de anos, nun antigo mar que cubría toda a zona. Os diferentes avatares xeolóxicos formaron un forte plegamento coñecido como o sinclinal do Alba.

A ruta comeza no pobo de Piedrasecha seguindo o río. Á entrada do desfiladeiro está a Fonte do Manadero e a Cova Las Palomas, que poderemos visitar. Alberga unha sinxela ermida rupestre coa imaxe da nosa Señora do Manadero.

Seguindo a parte máis estreita do desfiladeiro contemplamos os grandes rochedos que nalgúns puntos case chegan a tocarse estirando os brazos. Así chegamos a Santa Marta, unha veiga con restos de cabanas. Aquí a ruta vira ao leste tomando unha forte pendente por unha pista cómoda que nos levará á Collada do Fito para seguir ata a Collada do Pico de Santiago onde, si o día axuda, teremos unha panorámica única. Dependendo do día que teñamos e de como vaiamos de horario, decidiremos si volvemos polo mesmo sitio ou facemos a ruta lineal e nos recolle o bus noutro lugar.

« Voltar