« Voltar

Parque Natural do Alvão (Portugal)

Última actualización
14/10/2016

INFORMACIÓN DA ZONA

Debido ás súas dimensións reducidas, en comparación con outros parques nacionais, o Parque Natural de Alvão presenta un relevo variado, no que destacan as dúas áreas que dividen o parque. A zona máis alta, que supera os 1000 metros de altitude, comprende a serra de Alvão e a meseta de Lamas de Olo. Pola súa banda, a zona de menor altitude está formada polos vales por onde discorre o río Olo e áchanse as localidades de Ermelo e Fervença.

Esta diversidade paisaxística fai que o parque sexa fogar de moitas especies, como lobos, gatos monteses e desmáns ibéricos. No ceo, avístanse falcóns peregrinos e, cun pouco de sorte, aguias reais. Nos ríos pódense atopar troitas, bogas e barbos. Durante os traxectos, toparémonos cos pobos, a flora e a fauna do parque, especialmente, gando bovino de Marão (típico das mesetas de Alvão) e contemplaremos as aldeas de montaña que se funden co verdor da paisaxe.

Nos pobos de Alvão, os días pasan lentamente. Afanados en tarefas rurais como reunir o gando, traballar no campo ou fabricar pan, os seus habitantes reciben sempre con gusto aos visitantes. Ao visitar o parque, é imposible permanecer indiferente ante as casas de lousa, granito e cana que poboan as aldeas típicas de Fervença, Ermelo ou Lamas de Olo. Nesta última, a poboación vive en casas con tellados de canas. Ademais, o propio pobo está rodeado de "lameiros" (prados de terra húmida) e campos de cultivo que se empregan para o autoabastecemento da poboación. O pobo de Ermelo aínda conserva o seu caserío de granito e tellados de esquisto. Aquí, tamén se pode visitar a igrexa e o obelisco. No pobo de Barreiro, pódese gozar da paisaxe cara ao oeste e identificar facilmente a forma triangular do monte Farinha, localizado en Mondim de Basto.

A auga abunda na rexión, polo que os cursos de auga que nacen nas zonas máis elevadas discorren por estreitos vales ou descenden de forma abrupta pola montaña, como no caso do salto de auga de Fisgas de Ermelo. O río Olo orixina esta fervenza de case 250 metros. A impresionante visión da forza das augas convérteo nunha das paraxes máis belas da rexión e estas fervenzas están representadas no símbolo do Parque, o que a converte nun dos principais atractivos para quen visita o Parque Natural de Alvão. As fervenzas de Bilhó son outro punto de parada obrigada nunha visita a Alvão. O curso do río Cabrão crea lagos naturais e pequenos saltos de auga de incomparable beleza. Con bo tempo non debe deixarse escapar a oportunidade de bañarse nas cristalinas augas do río. Para chegar a estas fervenzas tómase a estrada que une Cavernelhe e Bilhó.

Outros saltos de auga que se poden visitar son as fervenzas de Agarez e de Galegos da Serra, cuxos accesos a pé permiten contemplar a flora do parque, principalmente, carballos, castiñeiros, bidueiros e brezos. Xunto aos arroios do parque, tamén se pode observar a planta carnívora Rorela. Para contemplar grandes espellos de auga, débese visitar a presa de Fundeira ou de Cimeira, desde onde se poden admirar os altos cumes da serra de Alvão e de Marão. A presa de Cimeira dá acubillo a decenas de especies de animais, entre eles, a nutria, que probablemente se deixará ver.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Vila Real, no Hotel Mira Corgo. Durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación.

Haberá unha parada para tomar o almorzo en ruta. O xantar do primeiro día corre por conta de cada un e é recomendable levar o necesario xa que a parada pode ser nunha área de servizo sen supermercado.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 35 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 280€ para os socios, 310€ para os non socios federados e 320€ para os non socios non federados, que se aboarán do seguinte xeito:

  1. ingreso en conta de 180€ os socios, 210€ os non socios federados e 220€ os non socios non federados, para apuntarse, antes do 24 de outubro.
  2. os 100€ restantes, pagaranse no autobús.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios non terán preferencia na asignación de prazas.

A saída farémola na mañá do sábado e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 07:25 h
Fogar de Santa Margarita 07:30 h
San Pedro de Mezonzo 07:35 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:40 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:45 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 08:00 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

29/10/2016

1º DIA (SAB)

 

CHEGADA SOBRE AS 11:15 (hora portuguesa)
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 12:00
Ruta: LEVADA DE PISCAREDO
CHEGADA AO HOTEL ÁS 20:00
CEA ÁS 21:00

30/10/2016

2º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: CANHÃO DAS FISGAS DE ERMELO
CHEGADA AO HOTEL ÁS 20:00
CEA ÁS 21:00

31/10/2016

3º DIA (LUN)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:30
Ruta: CUME DA SENHORA DA SERRA (SERRA DO MARÃO)
CHEGADA AO HOTEL ÁS 20:00
CEA ÁS 21:00

01/11/2016

4º DIA (MAR)

 

ALMORZO ÁS 08:15
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: COMPLEXO MINEIRO ROMANO DE TRESMINAS
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 16:00
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 20:30

LEVADA DE PISCAREDO 

Paseo por unha levada de auga chea de historia, onde o contacto coa biodiversidade se tornará bastante interesante para quen guste gozar de fotografar bolboretas, outros insectos e plantas de zonas húmidas.

A construción da Levada de Piscaredo remóntase ao século XIII. Debido á escaseza de auga, indispensable para o regadío dos seus campos, os propietarios das terras de Mondim levaron a cabo a súa construción. O percorrido transcorre por un camiño á beira da levada, por entre bosques de carballos, loureiros e freixos. A levada remata nos muíños de Piscaredo, continuando o percorrido ata Mondim de Basto, agora polos antigos camiños dos muiñeiros e dos habitantes que alí ían moer o gran, terminando nas sombras refrescantes do parque‐xardín da vila de Mondim.

Inicio en aldea de Albanel (Vilar de Ferreiros) e finaliza en Mondim de Basto.

CANHÃO DAS FISGAS DE ERMELO 

Unha ruta por un marabilloso canón cunhas belísimas escarpas e unhas fermosas fervenzas de auga. A medio do percorrido e preto do final, estaremos en contacto coas súas lagoas onde descenderemos ata a auga.

Iníciase na aldea de Ermelo e segue en dirección ás Catrinas, onde atravesa a ribeira de Fervença. Iníciase unha longa subida ata Varzigueto, compensada polas magníficas paisaxes do parque e as impoñentes Quedas de Água das Fisgas de Ermelo. Saíndo de Varzigueto o percorrido atravesa o río Olo e segue por un camiño que nos leva ata o Miradouro das Fisgas.

O percorrido segue en dirección a Fojo, onde se inicia o descenso cara ao río Olo. Trátase dun percorrido de gran beleza caracterizado por grandes desniveis.

CUME DA SENHORA DA SERRA (SERRA DO MARÃO) 

O conxunto das Serras do Marão ‐ Alvão forman unha barreira natural entre o litoral e Trás‐os‐Montes. Os límites naturais son os vales do río Tamega e o do río Corgo. Aínda que a altitude máxima non supere os 1300 m., mantén cotas elevadas por enriba dos 1000 m. en gran parte da súa extensión. É das máis bonitas paisaxes de todas as serras do continente, pola súa grande variedade de situacións xeo‐morfolóxicas, das cales a máis coñecida é a zona das Fisgas do Ermelo. Ten unha xeografía impoñente, polas súas abruptas pendentes con grandes declives. Do punto máis elevado (1415 m.) podemos ver Vila Real, a Serra do Alvão e a Serra da Graza, así como outros puntos elevados do propio Marão, algúns dos cales nos permiten ver Mesão Frío e as serras que seguen ao sur do Douro.

Unha ruta por camiños forestais e camiños de cabras de acceso a antigas minas de explotación de ferro e subida ao cume. Nesta ruta subiremos ao cume desta serra que é o 6º cume máis alto de Portugal continental e de regreso descenderemos até a aldea de Montes (unha pequena aldea que neste momento só ten 2 habitantes).

COMPLEXO MINEIRO ROMANO DE TRESMINAS 

O Complexo Mineiro Romano de Tresminas representa unha das máis importantes explotacións de ouro do Imperio Romano. Os séculos I e II d.C. foron de intensa actividade mineira, principalmente para explotación de ouro, mais tamén doutros minerais, como prata e chumbo. Destes traballos resultou un conxunto monumental formado polas cortas de explotación a ceo aberto e por un interesante complexo de pozos e galerías subterráneas. Durante cerca de dezaoito séculos, este patrimonio mineiro permaneceu ben preservado, o que motivou a súa clasificación como Inmóbil de Interese Público e, máis recentemente, a clasificación dalgúns compoñentes do sistema de abastecemento de auga a esta zona mineira como Monumento de Interese Público.

Un final de actividade polo maior complexo mineiro romano de ouro portugués. Visita guiada e interpretada ao interior das galerias e todo o seu complexo exterior envolvente. Teremos aínda a visita ao Centro Interpretativo de Tresminas onde finalizaremos coas explicacións finais neste centro así como un pequeno filme alusivo ao local.

Podedes ollar un breve vídeo do complexo.

« Voltar