« Voltar

Polas terras de As Ermidas - O Bolo

Última actualización
16/08/2017

INFORMACIÓN DA ZONA

Viana do Bolo é un municipio situado ao leste da provincia de Ourense. É cabeza de partido xudicial do seu nome, que está situado no corazón do país do Bibey, dacabalo entre as comunidades de Galicia e Castela e León, rozando no seu extremo oriental as terras do Parque Natural do Lago de Sanabria. Esta comarca, coñecida como a Maxia Verde de Galicia, forma parte das serras surorientais galegas, caracterizadas polas súas altas montañas e os seus profundos vales, percorridos por numerosos ríos como o río Bibey, o Camba ou o Conso, que en moitos casos forman encoros e canóns.

A historia de Viana do Bolo transcorre á sombra do seu castelo, o cal, edificado na Idade Media, gozaba de foros e goberno propios. O devir histórico destas terras está estreitamente vinculado a esta fortaleza medieval. Aínda perdura a chamada Torre da Homenaxe, de base cadrada e cunha altura de 18 metros, que foi levantada ao redor do ano 800 para a defensa contra os mouros e foi destruída durante as loitas que os vianeses sostiveron con eles.

Mosteiro das Ermidas. Conta a lenda que uns pastores atoparon unha imaxe da Virxe co neno en brazos e para ela construíuse unha pequena ermida para acubillala. Máis tarde, en 1624 o bispo de Astorga, Alonso Mejía de Tovar, enfermo, encomendouse a ela e curouse do seu mal, transcorridas unhas horas, despois dunha visión na que se aparecía a Virxe. Dado o que se considerou un milagre, decidiu dar forma a este maxestuoso santuario, considerado como un dos monumentos crave do barroco galego e enclave de peregrinación pola súa tradición milagreira. Para dar máis forza a este famoso devandito, contan que a comezos do século XX veu abaixo a ladeira da montaña e na igrexa só sufriu danos unha capela, mentres que o pobo quedou case esnaquizado. Grazas á Virxe? Iso é o que as crenzas populares apuntan.

Tras unha etapa de semi abandono e ningunha mellora nas instalacións, non foi ata o século XXI cando se reactivou a "Fundación Nosa Señora das Ermidas" que se dedica a garantir a estabilidade deste lugar único e é grazas á súa boa conservación que hoxe podemos gozar do santuario e a súa contorna bañada por unha praia fluvial.

A fachada do século XVIII edificada por Juan Martínez de Pita ten unha portada enmarcada por columnas salomónicas, decoradas con vides e outros motivos, ornamentada e composta de varias imaxes, ou o Vía Crucis composto por 14 capelas. No interior numerosas esculturas que representan a Paixón de Cristo nos retablos, dos cales o que máis destaca é o do Altar Maior, debido á súa riqueza.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos no Hotel Espada, situado en A Rúa. Durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación.

Haberá unha parada para tomar o almorzo en A Rúa e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 35 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 100€ para os socios, 125€ para os non socios federados e 130€ para os non socios non federados, que se aboarán do seguinte xeito:

  • ingreso en conta da cantidade total, para apuntarse, antes do 3 de setembro.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios non terán preferencia na asignación de prazas.

A saída farémola na mañá do sábado e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 07:25 h
Fogar de Santa Margarita 07:30 h
San Pedro de Mezonzo 07:35 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:40 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:45 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 08:00 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

09/09/2017

1º DIA (SAB)

 

CHEGADA SOBRE AS 11:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 11:30
Ruta: VILARIÑO DE CONSO-VIANA DO BOLO
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:00
CEA ÁS 21:00

10/09/2017

2º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: AS ERMIDAS-VAL DO GLACIAR DE PRADA
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 17:00
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 20:30

VILARIÑO DE CONSO-VIANA DO BOLO 

DISTANCIA: 15,9 KM. DIFICULTADE: MEDIA. DURACIÓN: 5 HORAS

Arrincamos en Vilariño de Conso para pasar pola aldea de Conso por soutos de castiñeiros utilizando parte da ruta PRG 118: RUTA DOS SOUTOS uns 3 km que nos deixan na aldea de San Cristovo desde onde se ve nítidamente Pena Trevinca.

Descendemos por unha pradería e un camiño empedrado entre bosques de carballos e castiñeiros ata a ponte de Santa Mariña que cruzamos para avanzar pola marxe do río Conso ata a súa confluencia co río Bibey por unha ampla pista cun suave ascenso. Pasamos por aldeas como Santa Mariña e Parada das Viñas coas súas ladeiras de viñedos que caen cara ao encoro na canle do río Conso. Dirixímonos cara a Quintela cunha ampla perspectiva á nosa dereita podemos observar a serra da Queixa, os montes do Invernadoiro e Cabeza de Manzaneda; de lonxe Mormentelos, Vilarmeau, Reigada, San Miguel, e máis ao fondo os montes do Caurel e Cerengo. Cruzado Quintela as vistas das imaxes máis belas da propia capitalidade de Viana e as montañas e aldeas que a circundan desde o Alto do Covelo, Penouta, ata os montes da veciña Gudiña.

Descendemos á aldea de Quintela do Pando e por unha senda entre carballos e castiñeiros baixamos ata o encoro de O Bao que cruzamos pola súa ponte e pola estrada que vai a Viana, ascendemos pola cara posterior da Torre da Homenaxe ata a parte máis alta onde está o concello e os xardíns da Torre da Homenaxe que poderemos ver. Só nos queda baixar ata a praza de Viana, final da nosa ruta.

AS ERMIDAS-VAL DO GLACIAR DE PRADA 

DISTANCIA: 22,9 KM. DIFICULTADE: MEDIA. DURACIÓN: 6 HORAS

Comezamos a nosa ruta no Mosteiro das Ermidas, cruzando a ponte sobre o río. Tomamos unha senda á esquerda. Iremos observando o canón do río Bibey e continuamos en suave ascenso. Un pouco máis arriba a pendente complícase un pouco e entre xestas e un pouco de vexetación chegaremos ao alto. Continuamos pola pista e antes de chegar ao pobo de Ribadepo viramos á esquerda para seguir subindo e cando cheguemos ao alto baixar ata o pobo de San Vicenzo. Aquí percorreremos un pequeno tramo de camiño de montaña asfaltado, pero xa na parte de arriba, á esquerda, tomaremos un camiño que corresponde a un pequeno tramo do PRG 137: SOUTOS DE CESURÍS que, en baixada, achegaranos ao final da nosa primeira etapa: a igrexa de San Miguel de Bidueira, unha xoia da arquitectura barroca do século XVIII coñecida popularmente como a "Catedral das Terras de Manzaneda".

Desde aquí a nosa segunda etapa levaranos polo PRG 138: VAL DO GLACIAR DE PRADA. Seguindo o río Requeixo chégase á aldea abandonada de Prada que conserva parte da Capela de San Bartolomeu, así como varias das súas tradicionais casas de alta montaña que na actualidade son utilizadas como refuxio invernal para o gando. Ademais pódese contemplar unha excelente panorámica sobre o Circo Glaciar de Prada, que data de entre 50.000 e 10.000 anos atrás e que someteu a estas montañas da Serra da Queixa e Invernadeiro a un proceso de abrasión glaciar.

« Voltar