« Voltar

Alto Sil / La Laciana (León)

Última actualización
19/09/2012

INFORMACIÓN DA ZONA

O espazo Natural Alto Sil é un dos principais paraísos naturais da península ibérica, e a pesar diso, permanece descoñecido para a inmensa maioría. Neste territorio encóntrase a principal poboación da pita do monte cantábrica e unha das principais do oso pardo. Estes animais e outras especies en perigo de extinción viven nos magníficos bidueirais e carballeiras do Alto Sil, sobre os que se eleva un nutrido número de cumios de máis de de dous mil metros de altitude que, polo copioso das precipitacións en forma de neve, se manteñen brancas durante medio ano.

O Alto Sil é, ademais, un paraíso para o montañeiro que busca combinar montaña e natureza en estado puro, co privilexio engadido de poder percorrelo sen masificacións. É un territorio moi modelado pola erosión glaciar -aquí encontrábase a principal masa glaciar da cordilleira Cantábrica- e de enormes desniveis, atravesado por numerosos vales. Neles aséntanse pobos que aínda conservan boa parte da súa arquitectura tradicional e que son unha propina para o montañeiro que por aquí se aventura.

Á parte dos xa celebres Catoute e Cornón, este espazo natural esconde outras xoias por percorrer e descubrir.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Villablino, nos hoteis La Tintorería e Orquídea Real, durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación.

Haberá unha parada para toma-lo almorzo e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 42 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 160€ para os socios e 190€ para os non socios, que se aboarán da seguinte forma:

  1. ingreso en conta de 110€ os socios, e 140€ os non socios, para apuntarse, antes do 9 de Outubro.
  2. os 50€ restantes, pagaranse no autobús.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios terán preferencia na asignación de prazas se fan o ingreso antes do 1 de Outubro.

A saída farémola na mañá do venres e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
Fogar de Santa Margarita 07:00 h
San Pedro de Mezonzo 07:05 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:10 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:15 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 07:30 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

12/10/2012

1º DIA (VEN)

 

CHEGADA SOBRE AS 13:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 13:30
Ruta: PICO EL MIRO
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:45
CEA ÁS 21:00

13/10/2012

2º DIA (SAB)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: PICO CORNÓN
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:00
CEA ÁS 21:00

14/10/2012

3º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:45
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:45
Ruta: BRAÑA DE ROBLES
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 16:00
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 20:30

PICO EL MIRO 

O Pico El Miro, tamén coñecido como Miro de Tejedo, Miro de Villarino ou mesmo Miro de Buenverde, é unha das mellores atalaias de todo o Alto Sil. A súa situación, ao bordo mesmo do río Sil, pero mil metros sobre el, ábrelle un magnífico campo de visión cara ao leste, onde están as mellores vistas. O elenco de cumios que se albiscan nos 360º de panorámicas inclúen dende Pena Trevinca no afastado Sur ata o Pico Torres, no Porto de San Isidro. Polo medio todos os cumios principais do Alto Sil a excepción do Catoute, que non se ve dende o mesmo cumio, as de Babia e moitas de Fontes do Narcea. Soamente os cumes de Ancares quedarían fóra da panoramica, ocultos tras o outro Miro, o de Valdeprado.

PICO CORNÓN 

A suba ao pico máis alto do Alto Sil dende Lumajo é a máis curta de todas as opcións posibles, aínda que non por iso deixa de ser dura. Percorreremos paisaxes lacianiegos que nos recordarán máis a Babia ou a Somiedo que a Laciana, por terreo calcario e os amplos pasteiros do val da Almozarra.

Non hai montaña máis alta que esta cara ao oeste ata o Océano Atlántico, nin ao norte ata o Cantábrico, nin ao sur ata a serra de Gredos ou a de Béjar (o Teleno é uns metros máis baixo), e cara ao leste só temos a Pena Orniz (que ten a mesma altura) de camiño á Pena Ubiña, douscentos trinta metros máis alta que o Cornón. É por todo isto que o Cornón é un miradoiro excelente en días fríos ou con boa visibilidade, cara a todas as direccións, pola mesma razón que o Cornón é visible dende todos os cumios principais doutros macizos cantábricos.

BRAÑA DE ROBLES 

Nun pequeno val colgado, aos pés do Muxivén, atópanse unha serie de cabanas, máis ou menos espalladas na súa parte baixa, pero máis concentradas cando o val se pecha, que se denomina Braña de Robles de Laciana.

É un lugar apracible, ben coidado e conservado e que, para os que desexen camiñar máis, pódese enlazar coa ruta que ascende ao Muxivén. O inicio da ruta permítenos gozar do harmonioso pobo de Robles de Laciana e das panorámicas cara aos bosques de Rioscuro.

« Voltar