« Voltar

Fuente Dé (Picos de Europa)

Última actualización
03/10/2012

INFORMACIÓN DA ZONA

Na bisbarra de Liébana, o municipio de Camaleño está formado por 33 núcleos habitados, entre lugares e aldeas, entre os que cabe destacar Turieno, Espinama, Pido, Pembes, Mogrovejo e Lón.

É o municipio máis occidental da bisbarra lebaniega, lindando ao sueste con León e ao oeste co Principado de Asturias, do que o separan os Picos de Europa. O río Deva atravesa o municipio de oeste a leste, formando un impresionante val. É un municipio eminentemente montañoso, con altitudes superiores aos 2.000 metros. Con Peña Vieja (2.619 m.) o cumio máis alto da zona cántabra dos Picos de Europa.

A gandaría mixta e o cultivo da pataca, legumes e vide, principalmente, son as actividades económicas tradicionais dos habitantes do municipio, que se ven reforzados polo importante pulo turístico experimentado nos últimos anos. Este conta con dous activos importantes: o teleférico de Fuente Dé, nos Picos de Europa, e o mosteiro de Santo Toribio.

Entre os seus monumentos destacan o xa citado mosteiro de Santo Toribio, no que viviu e morreu o Beato de Liébana, e onde se conserva o Lignum Crucis. Merecen tamén atención as casas grandes de Cosgaya, Espinama e Turieno e a torre medieval de Mogrovejo.

Fuente Dé non é un pobo, é só a estación inferior do teleférico que salvando 800 m. de desnivel nos sitúa no corazón dos Picos de Europa. En Fuente Dé temos un parador nacional, hotel, restaurantes, bares, cámping e albergue. O teleférico salva un desnivel de 753 metros, situando ao viaxeiro nos 1.823 metros de altitude en tan só 4 minutos, a unha velocidade de 10 m/s. Dende a estación superior o visitante arrepiarase por unha paisaxe de inmensa beleza, punto de partida de numerosas rutas.

O teleférico é como unha viaxe entre dous mundos, entre a civilización e a montaña salvaxe. É moi típico encontrarnos en Fuente Dé con néboa, outras veces cun teito de espesas nubes ou mesmo orballando, subimos á cabina e esta intérnase nunhas nubes, durante uns instantes non vemos absolutamente nada, é coma se viaxásemos entre dous mundos e de súpeto un sol radiante e un mar de nubes por debaixo noso.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Espinama, no Hostal Remoña, durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación e en apartamentos.

Haberá unha parada para toma-lo almorzo e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 50 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 200€ para os socios e 240€ para os non socios, que se aboarán da seguinte forma:

  1. ingreso en conta de 100€ os socios, e 140€ os non socios, para apuntarse, antes do 27 de Outubro.
  2. os 100€ restantes, pagaranse no autobús.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios terán preferencia na asignación de prazas se fan o ingreso antes do 20 de Outubro.

A saída farémola na mañá do xoves e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
Fogar de Santa Margarita 07:00 h
San Pedro de Mezonzo 07:05 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:10 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:15 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 07:30 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

01/11/2012

1º DIA (XOV)

 

CHEGADA SOBRE AS 14:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 15:30
Ruta: MOGROVEJO - PENA OVIEDO - ESPINAMA
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:45
CEA ÁS 21:00

02/11/2012

2º DIA (VEN)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: FUENTE DÉ - VEGA DE LIORDES - PEDABEJO - FUENTE DÉ
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:45
CEA ÁS 21:00

03/11/2012

3º DIA (SAB)

 

ALMORZO ÁS 08:45
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:30
Ruta: EL CABLE – TESORERO - ÁLIVA – FUENTE DÉ
CHEGADA AO HOTEL ÁS 19:30
CEA ÁS 21:00

04/11/2012

4º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:00
Ruta: PICO JANO
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 15:45
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 21:15

MOGROVEJO - PENA OVIEDO - ESPINAMA 

A ruta empeza no precioso pobo de Mogrovejo coa súa torre construída a finais do século XIII e declarada conxunto histórico en 1985.

A Pena Oviedo é un pequeno promontorio situado a metade de camiño entre o val de Camaleño e os pasteiros dos portos de Áliva. Esta situación estratéxica fai que a localización fose utilizada polo ser humano dende o Neolítico para o aproveitamento alternativo dos pastos de verán (os portos) e de inverno (os vales). No ámbito da Pena de Oviedo encóntrase un magnífico conxunto de enterramentos tumulares de máis de tres mil anos de antigüidade. A ruta supón tamén un percorrido de tránsito entre os ecosistemas de alta montaña cantábrica e os bosques mediterráneos de Liébana, pasando polos melojares de media aba e os bosques mixtos.

Dende a Fonte dos Asturianos collemos a pista que baixa dende os portos de Áliva ata Espinama.

FUENTE DÉ - VEGA DE LIORDES - PEDABEJO - FUENTE DÉ 

Dende Fuente Dé collemos o camiño que nos leva polas campas cara ao Hachero e a Canle de Jenduda para desviarnos cara á esquerda para seguir as marcas que transcorren polos famosos Tornos de Liordes, no interior da Canle do Embudo. O camiño en continuas curvas en zig-zag levaranos ata o outeiro de Liordes, un dos lugares máis emblemáticos de Picos de Europa.

Estas campas verdes son un escenario ideal dende onde contemplar a grandeza dos Picos de Europa, Torre Llambrión, Torre Salinas, Torre do Friero e mesmo Pena Santa de Castela aparecen no noso ámbito; cruzaremos as mesmas, e unha vez cheguemos á choza de Liordes emprenderemos a suba ata o outeiro de Remoña baixo a atenta mirada de Torre Salinas e a próxima Torre Regaliz.

No outeiro, emprenderemos a baixada pola canle de Pedabejo cara ás campas do mesmo nome. E finalmente, entre paredes verticais o noso camiño descende cara ao faial de Ciebre, que aparece fronte a nós, colgado dende os Altos de Valdeón, e por onde nos internaremos no noso camiño de regreso cara a Fuente Dé.

EL CABLE – TESORERO - ÁLIVA – FUENTE DÉ 

Dende Fonte Dé subimos no teleférico ata a estación superior co miradoiro do Cable, seguimos a pista ata a Vueltona onde se bifurca, collemos a pista da esquerda ata o singular refuxio de Cabaña Verónica e subimos ata o outeiro de Horcados Rojos onde veremos o Urriellu con opción de subir ao pico dos Horcados.

Regresamos polo mesmo camiño ata a Vueltona para desviarnos á esquerda en dirección ao Chalet Real e o hotel refuxio de Áliva. Descenderemos polos portos aos invernais de Igüedri e ao pasar a Fonte dos Asturianos subimos unhas escaleiras para internarnos nos frondosos bosques do Pico Valdecoro ata Fonte Dé.

PICO JANO 

Subindo o porto de San Glorio desviámonos á dereita ao pobo de Dobarganes onde empeza a ruta do Pico Jano. Saímos do pobo por unha pista ata o encoro da Tejera onde hai un conxunto megalítico practicamente oculto, gañamos altura entre carballos de gran porte.

O seu cumio é un magnífico miradoiro dos Picos de Europa. Veremos parte das rutas feitas os días anteriores, o Coriscao, Pena Prieta, Valdevaro...

Regresamos pola serra de Bora e o camiño continúa en descenso rodeado de bosques de carballos novos na Costa da Llena.

« Voltar