« Voltar

Ancares Leoneses

Última actualización
14/11/2014

INFORMACIÓN DA ZONA

A serra dos Ancares corre en dirección norte-sur formando fronteira entre Galicia e León comprendendo os municipios leoneses de Candín, Peranzanes, Vega de Espinareda, Villafranca del Bierzo e o galego de Cervantes.

Os seus cumios, que non superan os 2000 metros, teñen resonancias míticas para a maioría dos afeccionados galegos e leoneses ao montañismo. Pena Rubia, Tres Bispos, Mustallar, Penalonga, Cuíña, Miravalles, forman o chamado circo de Ancares onde, xunto aos seus vales, se estenden infinitos sendeiros onde o ávido camiñante pode integrarse na natureza.

Os ríos que descenden pola vertente galega buscan ao Navia que conduce as súas augas ao Cantábrico, por exemplo o fermoso val labrado polo río Ser ou as gorxas do Rao, mentres na vertente leonesa os ríos Ancares, Burbia, Cúa, Valcarce, desaugan as súas augas cara ao sur na conca do Sil.

Proliferan os xabarís, corzos, cervos, coellos e en menor medida a perdiz completa o panorama faunístico, os lagarteiros, raposos, lobos, aguias cobreiras, curuxas, gabiáns...

En canto á vexetación, xunto a carballos e castiñeiros centenarios sorprenden abundantes colonias de acivros de cuxo froito se alimenta a pita do monte, breixos, arandos e bidueiros conforman o manto vexetal.

Típicas son tamén as súas pallozas, vivenda tradicional por antonomasia, de forma circular e teito de palla mallada onde convivían animais e persoas.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Burbia, no Albergue Camping Burbia, durmiremos en cuartos con liteiras e sabanas (hai que levar toallas).

Haberá unha parada para toma-lo almorzo en Becerreá e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 40 persoas. Hai que facer un ingreso por persoa. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 140€ para os socios e 170€ para os non socios, que se aboarán do seguinte xeito:

  1. ingreso en conta de 90€ os socios, e 120€ os non socios, para apuntarse, antes do 28 de novembro.
  2. os 50€ restantes, pagaranse no autobús.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios non terán preferencia na asignación de prazas.

A saída farémola o sábado e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 06:55 h
Fogar de Santa Margarita 07:00 h
San Pedro de Mezonzo 07:05 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:10 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:15 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 07:30 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

06/12/2014

1º DIA (SAB)

 

CHEGADA SOBRE AS 11:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 11:45
Ruta: PIORNEDO - PICO LAGOS - BURBIA
CHEGADA AO ALBERGUE ÁS 18:00
CEA ÁS 20:30

07/12/2014

2º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: CAMPO DEL AGUA
CHEGADA AO ALBERGUE ÁS 18:00
CEA ÁS 20:30

08/12/2014

3º DIA (LUN)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: PENARUBIA
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 17:30
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 20:00

PIORNEDO - PICO LAGOS - BURBIA 

Comezamos a ruta en Piornedo atravesando o pobo e por unha ancha pista imos collendo altura, cruzamos varias campas como a de Campo Redondo, vadeamos o río da Veiga Cimera e despois dunha forte suba chegamos á campa dos Estremeños coa súa cabana derruída dende onde vemos en toda a súa extensión o circo glaciar do Mustallar co Penalonga, o Mustallar, os Castellines e o Pico Lagos.

En vez de continuar de fronte cara ao outeiro da Golada, xiramos cara á dereita para ir collendo altura e bordear o pico Lagos ata o outeiro intermedio deste pico e o Corno Maldito. Neste punto, se o tempo o permite, o que queira pode facer cumio ou baixar ata as lagoas que dan nome a este pico, que rodearemos sempre en baixada ata a campa de Acebalín cun coqueto refuxio onde poderemos resgardarnos para facer a comida. O sendeiro intérnase por completo ao corazón do bosque onde alberga un dos seus mellores tesouros, o Teixedal. Un bosque de teixos silvestres que se mostran en todo o seu esplendor.

Pasamos a campa do Corral de Villouso ou Braña del Moro, cruzamos o regueiro Villouso por pintorescas pontes de madeira e, por un camiño máis ancho, descendemos ata a antiga central eléctrica acompañados polo rumor da auga que descende vertixinosamente ata o seu encontro co río Burbia. Dende a central só nos queda chegar ata o pobo por unha pista.

CAMPO DEL AGUA 

O percorrido atravesa a estrada e continúa por unha pista sen asfaltar, atravesando un bosque de ribeira, ata chegar a unha ponte de pedra sobre o río. A partir de aquí, avanza entre prados e carballos cara a Campo del Auga.

O Camiño Natural continúa río arriba entre xestas e abeleiras (Corylus avellana), e atravesa un cruzamento. Máis adiante a pista cambia de aba e comeza a subir por unha carballeira ata unha zona chaira, dende onde se observa a Braña de las Agüerias e as súas cabanas. A senda descende despois ata vadear un regueiro onde comeza unha nova ascensión ata un outeiro.

Tras desviarse á dereita, divisaremos Campo del Auga onde, no seu barrio de El Regueiral, encontranse varios exemplos de pallozas ben conservadas e as cabanas de lousa, típicas desta bisbarra.

PENARUBIA 

Subimos dende Fuente de Oliva pola ruta máis curta e doada ao Pico Penarrubia (1.822 m.). Penarrubia considérase o último pico da Cordilleira Cantábrica polo lado occidental. A pesar da súa altitude é unha montaña atractiva con paredes verticais que outras máis altas non teñen, sobre todo polo lado leonés. Saímos do pobo por unha empinada rúa para coller unha pista de terra, na divisoria de Galicia con León, que nos leva ata a Golada de Cardiadelos, dende onde vemos unhas sublimes panorámicas dos Ancares de León.

A partir de aquí, cara á esquerda, seguiremos o cordal de cumios, pasando polas Penas da Verdia e o Monte de Calangros de Brego, cunhas vistas espectaculares que seguro quedarán gravadas nas nosas retinas por moito tempo: a un lado os Ancares de León co marabilloso val do río Tejeira e coa localidade do mesmo nome ao fondo; a outro os Ancares de Lugo con algúns dos picos máis importantes (Tres Bispos, Corno Maldito, Mustallar...); tamén veremos o pequeno lago Forrón, que só terá auga en inverno xa que é estacional; e por último veremos diante noso a impoñente mole do Penarrubia, que se ergue desafiante ante nós.

Para conseguir chegar ao seu cumio, seguiremos un pouco máis o cordal e bordeamos o Penarrubia por un sendeiro algo estreito nalgún tramo e agora si, tan só nos queda subir por un sendeiro uns metros ata conseguir alcanzar o seu cumio, que resulta totalmente espectacular e que verá satisfeitas as expectativas de calquera que se achegue para facer esta ruta.

Este pico estaba previsto subilo hai anos co club dende o refuxio de Ancares pero a nevada impediuno.

« Voltar