« Voltar

Taramundi

Última actualización
19/02/2015

INFORMACIÓN DA ZONA

No oeste de Asturias, moi preto de Galicia, inmerso en bosques e bañado por ríos, encóntrase este precioso municipio adornado con casas de pedra e tellados de lousa. Taramundi ofrece ao visitante artesanía, gastronomía, museos, bosques, montes, natureza e rutas, todo el nun belo e tranquilo ámbito.

A bisbarra é unha zona de inmensa beleza natural para o deleite daqueles que buscan realizar turismo natural. De feito o val é parte da Reserva da Biosfera do Eo recoñecida pola UNESCO polo labor dos veciños da zona a favor do desenvolvemento socio-económico sostible. Foi a pioneira en España en turismo rural, arrancando este no ano 1984. Actualmente posúe casas de aldea, hoteis e museos e conxuntos etnográficos, entre os que cabe destacar o "Conxunto Etnográfico de Teixois", o "Museo dos Muíños" de Mazonovo, o "Museo da Coitelaría" de Pardiñas e "A Casa da Auga" de Bres, así como a colección museográfica de Esquíos ou o "Museo do Tear" en La Villa.

A súa topografía está conformada por montañas quebradas e escabrosas, mesturadas con diversos vales orientados en todas as direccións e formados polos cuantiosos regueiros e regatos que bañan o municipio de Taramundi. O concello representa unha figura case ovalada delimitada por un conxunto de serras e cordais. Así polo norte encontramos os coutos de Guiar, e máis ao leste a serra de Pedrafita cunhas alturas que van dende os 600 aos 900 metros. Tamén na súa parte oriental e indo cara ao sur divisamos a serra de Ouroso, encontrando a cota máxima do concello con 1033 metros. Na súa parte meridional temos as serras de Sendiña ao leste e a de Teixedais ao oeste, con alturas superiores aos 900 metros. Ademais de todo este conxunto de accidentes montañosos situado nas súas zonas limítrofes, hai que destacar a serra de Eirua, comprendida na súa metade norte e con elevacións superiores aos 700 metros.

A súa rede hidrográfica está composta por numerosos regueiros e regatos que sucan todo o territorio e que baixan abundantes de auga. De entre todos eles destacaremos tres ríos. O Ouria, que discorre pola parte norte da serra de Eirua e forma o límite do concello con Vegadeo e deste con San Tirso para chegar a desembocar no río Eo. Os outros dous ríos son o Turía e o Cabreira e bañan a parte meridional de Taramundi, recibindo ao seu paso as augas de diversos regueiros. Ambos os dous únense na localidade de Mazo Novo, desembocando tamén no Eo.

Unha das súas principais actividades económicas ademais do turismo é a artesanía; fundamentalmente a manipulación do ferro, artesanal en certo modo. Ata hoxe perduran os enxeños hidráulicos que se construíron no século XVIII para dar enerxía á industria da coitelaría. É especialmente coñecida a artesanía dos denominados "ferreiros", é dicir artesáns que se dedican á fabricación de navallas e coitelos con follas de aceiro carbono forxadas tradicionalmente en pequenos talleres artesanais e con mangos de madeira de diferentes tipos, pero que tradicionalmente eran de madeira de buxo, cun decorado realizado manualmente con goma-laca, debuxando formas xeométricas e utilizando cores que caracterizaban e marcaban o estilo propio de cada artesán. Actualmente realízanse tamén moitas pezas en aceiro inoxidable, e con materiais diferentes nos mangos, incorporando mesmo metais preciosos ata chegar á realización de auténticas pezas de xoiaría.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos en Villanueva de Oscos, no Hotel Oscos. Durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación, e en apartamentos rurais.

Haberá unha parada para toma-lo almorzo en Meira e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 32 persoas. Hai que facer un ingreso por persoa. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 135€ para os socios, 155€ para os non socios federados e 165€ para os non socios non federados, que se aboarán do seguinte xeito:

  • ingreso en conta de 135€ os socios, 155€ os non socios federados e 165€ os non socios non federados, para apuntarse, antes do 15 de marzo.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios terán preferencia na asignación de prazas se fan o ingreso antes do 6 de Marzo.

A saída farémola o venres e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 07:25 h
Fogar de Santa Margarita 07:30 h
San Pedro de Mezonzo 07:35 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:40 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:45 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 08:00 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

20/03/2015

1º DIA (VEN)

 

CHEGADA SOBRE AS 10:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 10:30
Ruta: VÍA VERDE DO EO / RUTA DOS MUÍÑOS
CHEGADA AO HOTEL ÁS 18:00
CEA ÁS 20:30

21/03/2015

2º DIA (SAB)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: RUTA DA AUGA
CHEGADA AO HOTEL ÁS 18:00
CEA ÁS 20:30

22/03/2015

3º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 09:15
Ruta: RUTA DO SILENCIO
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 17:30
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 19:30

VÍA VERDE DO EO / RUTA DOS MUÍÑOS 

Trátase dunha fermosa e interesante vía verde que discorre polo antigo trazado do ferrocarril, que funcionou entre 1903 e 1964, e que foi construído para dar saída ao mineral das antigas minas de Vilaoudriz na Pontenova, ata o porto de Ribadeo onde se embarcaban cara ao seu destino definitivo.

É, como todos os camiños deste tipo, un camiño de escasa pendente, cómodo de percorrer e cuxa única dificultade pode radicar na deficiente ou nula iluminación dalgúns dos túneles que han de atravesarse durante o percorrido. Unha vez atravesado o primeiro túnel que nos encontramos a poucos metros do comezo do sendeiro noso camiñar vai transitar paralelo á canle do río Eo que discorrerá, ás veces semioculto entre as árbores de ribeira, aos nosos pés durante case todo o percorrido.

A ruta é moi interesante e discorre por belas paraxes a beiras do río Eo, é completamente chaira e ao longo desta pasamos por diversos túneles e centrais eléctricas. Algúns destes túneles teñen un sistema de iluminación que se acende ao entrar pero nalgúns non funciona, polo cal unha lanterna vai ser un elemento imprescindible para facer o percorrido sen sobresaltos. A única vía verde galega, que conta con seis túneles e un viaduto, tamén inclúe no seu percorrido castros e dolmens prehistóricos, un pazo do século XVIII, en San Tirso, e unha igrexa do XVII, en Conforto (A Pontenova).

Despois trasladarémonos a Taramundi para gozar percorrendo a Ruta dos Muíños. A ruta transcorre por unha zona boscosa atravesando prados e pequenos bosques de carballos mostrándonos, entre outras cousas, tres dos muíños que funcionaron na zona. A ampla gama de verdes que a natureza utiliza para pintar as paisaxes asturianas ten na auga un dos seus principais ingredientes. Teremos ocasión de visitar Bres, Cabaza e Teixo, de considerar espléndidas vistas do norte do concello e da costa, de camiñar entre pequenos bosques de carballos.

RUTA DA AUGA 

Esta ruta permítenos gozar da auga e os seus aproveitamentos ao longo de séculos no medio rural. Dende a parte baixa de Taramundi iníciase o percorrido por un camiño de formigón que nos leva a Mazonovo, onde poderemos visitar o Museo dos Muíños. Tras un curto ascenso desviámonos á dereita por un sendeiro e pasamos xunto ao Casarío da Granda. Cruzamos o río Turia pola ponte da Escaderna e proseguimos ascendendo a través dun mesto bosque autóctono de castiñeiros e ameneiros.

O seguinte tramo da ruta prosegue por un tramo de estrada asfaltada polo que se accede ao Casarío de Esquíos, pero antes de chegar podemos desviarnos á dereita, tomando un sendeiro, para visitar a fervenza do regueiro da Salgueira, volvendo ao camiño principal posteriormente. Unha vez en Esquíos podemos visitar o seu Museo Etnográfico, que contén unha ampla colección de útiles e ferramentas tradicionais da bisbarra.

O camiño de Esquíos - Veigas, discorre entre unha extensa masa de castiñeiros, nalgunhas zonas mesturados con carballos e bidueiros. As Veigas é un pequeno pobo formado por casas de pedra, que se sitúa nun ámbito de gran beleza, encaixado no fondo do val e rodeado de extensas masas boscosas. Supón no seu conxunto un exemplo de arquitectura tradicional ben conservada.

Dende aquí toma o vello camiño pola aba dereita do río Turia, que conduce a Teixois, onde hai un singular complexo etnográfico (conxunto de enxeños hidráulicos composto por un mazo, muíño, batán, roda de afiar e pequena central eléctrica). Dende Teixois tómase un camiño paralelo ao regueiro de Mestas que conduce a Esquíos; volvendo a Taramundi polo mesmo camiño polo que se iniciou a senda.

RUTA DO SILENCIO 

O semiabandonado pobo de San Cristóbal áchase colgado na lomba dunha verde montaña, lugar no que encontramos numerosas mostras de arquitectura popular en estado puro percibindo a sensación de ter retrocedido varios séculos no tempo. Aos seus pés áchase un impresionante val de bosque autóctono poboado por unha foresta sen igual, con ríos decorados no seu seo con bonitos saltos de auga e fervenzas como a do Sellón ou a do Picón. Dende a súa capela veremos o val do Río Ahío cuberto dun fermoso manto de bosque autóctono que nos cega co seu colorido típico.

De aí o apropiado do nome da ruta, pois o silencio reina por todas partes, só roto polo canto dos paxaros e o ruído dalgún animal que corre apresurado entre a vexetación ao percibir a nosa presencia. É en resumo un lugar de beleza incomparable, e quizais o segredo desta sexa ser un pequeno paraíso esquecido, alí simplemente o tempo parece terse detido.

Iniciamos o noso percorrido cara a Mourelle internándonos nun espectacular bosque de castiñeiros, carballos e albedros encontrándonos exemplares de todas as idades e formas acompañados de numerosas "corripas" (construcións circulares de pedra de pequena altura nas que se almacenaban os ourizos dos castiñeiros). Pasado Mourelle ascendemos ata o pico de Balongo, autentico miradoiro natural, no que paga a pena pararse a considerar a paisaxe ou a repoñer forzas. Proseguindo o camiño cara ao Brusquete e novamente inmersos nun grandioso túnel natural formado polas copas das árbores sentirémonos nun escenario de conto no que animais e plantas viven libremente.

Tras un forte descenso cruzamos o Río Ahío que leva incansablemente as augas da serra da Bobia ata o Río Agüeira, mantendo ao seu paso un importante ecosistema de ribeira no que podemos encontrar gran variedade de especies. A ruta do silencio é unha homenaxe aos anos de silencio e esquecemento desta zona con historia propia da que podemos enxergar algúns fragmentos durante a realización desta.

« Voltar